xoves, 11 de abril de 2024

MOMENTOS DO PLAN LECTOR EN 2º

 


O alumnado de 2º de Educación Primaria realiza diferentes actividades no tempo chamado "a hora de ler" dentro do Plan Lector. Na súa pequena biblioteca de aula poden atopar todo tipo de libros: informativos, de ficción, revistas, xornais... Ás veces tamén traen libros da súa casa para compartir cos compañeiros en pequenos grupos, outras veces uns equipos preparan unha lectura cunha temática concreta (ex. discapacidade) para lerlles aos demáis, noutras ocasións escollen a lectura de cada un e fan debuxos para ensinar ao final da lectura... Preme na imaxe para ver a galería de fotos.

mércores, 10 de abril de 2024

SEGUINDO O CAMIÑO DAS FORMIGAS A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O martes 9 de Abril os membros do club de lectura de 5º e 6º de Educación Primaria realizaron  unha excursión a Santiago de Compostela con motivo da lectura do libro titulado "Formigas. Misión Camiño Santiago" de Pere Tobaruela. Compartimos a viaxe co Club de lectura do Ceip As Bizocas que tamén leron o mesmo libro e resultou unha xornada de convivencia marabillosa na que non só aprendemos a historia do Camiño e de Santiago, senón que fixemos un roteiro polo casco histórico entrando pola Porta do Camiño, atravesando rúas e vendo iglesias e capelas, varias prazas entre elas a de Cervantes para finalizar entrando na Catedral. Despois nos diriximos ao Parque da Alameda para repoñer forzas cunha boa comida. Continuamos a nosa ruta para ver estatuas como a das Marías, o noso Valle-Inclán sentado nun banco, Rosalía de Castro, Federico García Lorca.... e rematamos no parque infantil onde había moitos xogos.

Galería de fotos

Para saber todo o que facemos no club de lectura preme na pestana adicada ao mesmo

xoves, 4 de abril de 2024

RECITAL DE POESÍA E SORTEO DE AGASALLOS

 Para rematar o 2º trimestre, celebramos o Día da Poesía cun recital realizado polos nenos e nenas do Club de Lectura de 5º e 6º de Educación Primaria. Fixéronse dúas quendas, a primeira para os maiores do cole e a segunda para os pequenos. Como no club de lectura están a investigar sobre a literatura grovense para o PDI 50 Anos de Historia, escolleron poemas da escritora Carmen Eva Gondar Rey do seu libro Fantasía. 

Despois do recital, aproveitamos para facer o sorteo do xogo-concurso do Día da muller.

Galería de fotos e vídeos


XOGO CONCURSO DÍA DA MULLER

 


Para celebrar o Día da Muller o Equipo de Biblioteca organizou o xa tradicional Xogo-Concurso no que todo o alumnado ten que localizar polas paredes do colexio láminas informativas sobre mulleres e cubrir unha ficha coa información que atopan nas láminas. Este ano as protagonistas investigadas foron as mestras do cole por ser a temática do proxecto: 50 Anos de Historia.
Finalmente realizouse o sorteo de agasallos entre os participantes. 
Preme na imaxe para ver a galería de fotos do xogo.

Para saber máis sobre esta conmemoración e ver outras actividades realizadas preme na pestana MULLER.




venres, 15 de marzo de 2024

PATIOS INCLUSIVOS


A partir da Formación en Patios Inclusivos que está a realizar este curso o profesorado, comezamos a organizar bailes no tempo de lecer, na que poden participar todos os que queiran de forma libre e espontánea: mestres e alumnado disfrutando da música e do movemento. Preme na imaxe para ver a galería de fotos que iremos ampliando nos vindeiros días.

 

xoves, 14 de marzo de 2024

AVISTAMENTO DE AVES- 6º PRIMARIA


O alumnado de 6º de Educación Primaria realizou unha saída ao Observatorio de aves, preto do noso colexio. Previamente recibiron unha charla informativa  sobre as aves e as súas rutas migratorias. Logo cos prismáticos e guías en man acudiron ao Observatorio para avistar o maior número de aves, identificalas, debuxalas e anotar as súas características. Finalmente crearon un mural que está colocado no corcho da zona de interclases da planta baixa para disfrute de toda a comunidade educativa.
Preme na imaxe para ver a galería de fotos e os traballos expostos.

 

xoves, 7 de marzo de 2024

BOOKTRAILERS SOBRE EL PEQUEÑO VAMPIRO

 Hoxe os membros do club de lectura publicaron as súas creacións audiovisuais sobre a primeira lectura realizada neste curso 23-24: El pequeño vampiro.



Para saber máis sobre o programa de actividades do club síguenos na Pestana do blog da biblio: