xoves, 29 de maio de 2025

XA TEMOS NOVA MASCOTA NA BIBLIOTECA!

 


A gañadora do Concurso polas Artes Galegas da Mascota de biblioteca é Teka, a guardiana de libros, creada por Zeltia de 4º EP e a súa familia. Noraboa!
  Moitas grazas a todos pola vosa implicación. A finais de curso todos recibirán un pequeno agasallo polo seu esforzo.
Preme na imaxe para ver todos os participantes e traballos presentados.

mércores, 28 de maio de 2025

PREMIADOS NO CERTAME DE RELATO CURTO

 


Sasha co relato titulado "Xulio non se sente ben" e Lía co relato titulado "Os tres osiños aventureiros" foron premiados no X Certame de relato curto que organizou a FANPA o curso pasado e recibiron cada un o seu diploma e o seu libro con todos os relatos finalistas e gañadores.

Mañá, día 29, acudirán Sabela e Bianca  a entrega de premios do  XI Certame. Bianca de 6ºA foi seleccionada  co relato titulado "A casa do lume" e Sabela de 5º de Educación Primaria presentou o relato titulado "Festa de números".
Esperamos ter pronto os novos libros que a FANPA  enviará para a na nosa biblioteca e que todos poidan ler os seus relatos.

sábado, 24 de maio de 2025

TEATRO EN INGLÉS

 


O xoves ,22 de maio o alumnado de Educación Infantil e os máis pequenos de Educación Primaria acudiron ao xinmasio do cole para ver unha obra de teatro en inglés. Participaron de forma activa na obra, cantando e reciclando, xa que a temática tiña relación co coidado do medio ambiente e a reciclaxe.
Preme na imaxe para ver as fotos e pequenos vídeos.

martes, 20 de maio de 2025

Saída á Padrón do Club de lectura

 


O día 15 de maio os membros do club de lectura de 5º e 6º de Educación Primaria realizaron por fin a súa saída á Padrón que tivemos que aprazar por mor do apagón. 
Primeiro visitamos a Casa-Museo de Rosalía de Castro, logo de ler no club o libro "Formigas. Misión Rosalía" e memorizar moitos poemas de Rosalía no mes de febreiro pola súa conmemoración co obxectivo de facer un recital na propia Casa-Museo
Logo realizamos unha xincana no Xardín Botánico onde tamén aproveitamos para comer ao sol. Rematamos a visita no Paseo do Espolón na Alameda onde lle cantamos á estatua de Rosalía.
Foi unha xornada de convivencia cos membros do club de lectura do CEIP As Bizocas cos que compartimos autobús, xogos, libros, cancións e poemas.


mércores, 14 de maio de 2025

Cantando e tocando polas Letras Galegas

 


Celebramos as Letras Galegas cantando e tocando con Dunia, unha nai do noso centro que é pandereteira, do grupo Cinco en Zocas de O Grove. Foron unhas sesións moi divertidas onde todo o cole dende 4º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria, en varias quendas, poideron tocar algúns dos instrumentos que se poden facer con cousas que temos na casa: as culleres, as cunchas, a tixola, as latas, o sacho... e por último os instrumentos tradicionais como o pandeiro e as pandeiretas.
Prema na imaxe para ver a galería de fotos.

luns, 5 de maio de 2025

Padriños e madriñas lectoras polo Día do libro

 

Un ano máis celebramos o Día do libro durante as dúas últimas semanas do mes de Abril organizando a actividades interciclos e interetapas dos "padriños e madriñas lectoras". Dividimos todo o cole en dous grupos, por unha banda os padriños e madriñas lectoras formado polo alumnado maior dende 3º ata 6º de Ed. Primaria e por outra banda os afillados e afilladas formado polo alumnado dende 4º de Ed. Infantil ata 2º de Ed. Primaria. Facendo varias quendas, todos acudiron á biblioteca para ler contos e pasar un rato divertido con alumnos e alumnas doutros cursos. Preme na imaxe para ver a galería de fotos.

kamishibais polo Día do libro infantil e xuvenil

 

 

As integrantes do club de lectura de 5º e 6º de Educación Primaria fixeron durante o primeiro trimestre as ilustracións para amosar os seus kamishibais a todos os nenos e nenas de Educación Infantil. Así para celebral o Día do libro infantil e xuvenil invitaron a todo o alumnado a ver e escoitar contos coñecidos como "Oito patas" de Ana Meilán e "O Coelliño branco" da versión de Xosé Ballesteros.