mércores, 31 de outubro de 2018

A REBELIÓN DAS CABAZAS

As rapazas e os rapaces de 5º de Educación Primaria creamos con moito agarimo esta historia de medo para aterrarvos este Samaín. Continuará....

martes, 30 de outubro de 2018

Espectacular exposición de cabazas

Coma sempre as familias do noso cole son uns artistas decorando as cabazas para o Samaín. Este ano pedímoslles que as cabazas estiveran decoradas de acordo co noso proxecto A que sabe o mundo? e non nos defraudaron. Preme na imaxe para ver a galería de fotos. A ver se atopas a túa...

luns, 29 de outubro de 2018

"El pequeño vampiro" para Samaín

O clube de lectura de 6º de Educación Primaria acaba de comezar a seu primer libro de narrativa: "El pequeño vampiro". Que mellor momento que o Samaín para ler esta misteriosa lectura?
Podedes seguir todas as actividades do clube na pestana adicada a esta actividade.


Xogos dos aparellos do corpo humano

O alumnado de 6º A realizou estes xogos para estudar as diferentes partes dos aparellos do corpo humano. En breve, teredes oportunidade de xogar con eles na biblioteca. Buscádeos na sección de Ciencias Naturais. 





sábado, 27 de outubro de 2018

PREPARANDO O SAMAÍN


Os nosos axudantes de biblio prepararon o expositor para Samaín. Hai unha chea de libros agardando por ti. Nos andeis de cor verde (844) tedes moitos máis sobre misterios....

Non esquezades visitar a pestana SAMAÍN onde atoparedes libros, cancións, video-contos, debuxos, manualidades.... e todas as actividades que facemos no cole.
Preparados para pasar tres días de aténtico medo?

PROGRAMA DE ACTIVIDADES 

"Contacontos por un día". Como tódolos anos as mestras de Educación Infantil fan un chamamento ás familias para colaborar nesta actividade porque non hai maior ilusión que veña mamá, papá ou alguén da familia a lernos e contarnos contos e se son de medo.... mellor. Na porta de entrada ás aulas de Infantil tedes esta caixa chea de contos para escoller ou se queredes traer das vosas casas tamén podedes.



Creación de debuxos para Infantil e 1º,2º e 3º de Primaria e Creación de relatos para 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria. Nova actividade proposta dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Esperamos que haxa moita participación para encher as paredes cos vosos debuxos e relatos. Ademáis haberá algunha sorpresiña cos relatos mellor feitos. Non o imos desvelar aínda. 


Exposición de cabazas Este ano as cabazas serán expostas os días 29,30 e 31 de Outubro e estarán relacionadas co proxecto A que sabe o mundo?



venres, 26 de outubro de 2018

FORMACIÓN DE USUARIOS 4-5 ANOS

Preme na imaxe para ver a galería de fotos
Outra das actividades programadas para celebrar o Día das bibliotecas no noso cole foi a sesión de Formación de usuarios para os nenos e nenas de 4 e 5 anos.
Fixeron o xogo do semáforo para aprender ben as normas da biblio, escoitaron un contacontos relacionado co coidado e reparación dos libros e por último fixeron un marcalibros chulísimo.

Esta actividade foi dirixida polas responsables da Biblioteca Municipal de O Grove, que como todos os anos veñen visitarnos. Dende o equipo de mestres queremos agradeceros a vosa colaboración.


Éxito total na Xornada de Portas Abertas!

O xoves día 25 de Outubro abrimos as portas do cole e da biblioteca á Comunidade Educativa para celebrar o Día das bibliotecas. Fixémolo ao grande, organizando a "Gynkana Bibliochef" na que participaron 24 familias chegadas de diferentes niveis, dende Ed. Infantil ata 6º de Ed. Primaria. 

Primeiro houbo unha presentación dos proxectos deste curso 18-19 na biblioteca: PDI A que sabe o mundo?, Proxecto Deportivo, Radio na biblio e a última novidade: Biblioteca Creativa que aínda está dando os seus primeiros pasos.

A continuación explicamos as 8 probas da Gynkana
1. Facer un mandil.
2. Facer un gorro-chef.
3. Levar un ovo cunha culler.
4. Facer un ovo recheo.
5. Coller unha mazá coa boca.
6. Pelar a mazá sen que rompa a monda e preparar un plato de froitas.
7. Adiviñar os alimentos colocados dentro dunha caixa.
8. Facer un sanwich con formas creativas.
Cada equipo tiña un carné onde pegaban unhas estrelas ao superar as probas.
Despois merendamos todos xuntos e fixemos sorteo de agasallos para despedir a xornada. 
Podedes ver a galería de fotos premendo na imaxe.

Dende o Equipo de mestres felicitar ás familias que participáchedes: pola vosa creatividade e esforzo nas actividades propostas e por adicar tempo á familia. Grazas tamén ás axudantes-voluntarias de Biblioteca que coceron os ovos para as probas no tempo de lecer esa mesma mañá.


luns, 22 de outubro de 2018

FORMACIÓN DE USUARIOS EN INFANTIL

Alumnado de 6º de Ed. Primaria baixou hoxe á aula de 4º de Ed. Infantil para axudarlles a facer os seus "marcalibros" con material de refugallo. Na próxima sesión de biblioteca ensinaralles como utilizalos na biblioteca e así recordar onde teñen que colocar os libros que collen.





domingo, 21 de outubro de 2018

PROGRAMA DA XORNADA DE PORTAS ABERTAS 2018


O día 25 de Outubro celebramos na biblioteca a Xornada de Portas Abertas 2018. 
O programa deste ano estará relacionado co PDI A que sabe o mundo? 
1. Presentación ás 17 h. dos proxectos do centro na biblioteca.
2. "Gynkana Bibliochef". Concurso por parellas ou equipos familiares nos que os participantes terán que pasar por diferentes probas para conseguir o carné de bibliochef.
3. Degustación dos platos creativos.
4. Sorteo de agasallos entre os participantes.

xoves, 18 de outubro de 2018

SPACE MAKER CON 3º

Continuamos as sesións de SPACE MAKER iniciadas o curso pasado con xogos de Lego e o Efecto Mariposa nos cursos de 3º de Educación Primaria. Entusiasmados e emocionados de inventar, crear, construir... mil cousas que poden facer os nosos alumnos e alumnas. 

mércores, 17 de outubro de 2018

SELECCIONADOS PARA O PROGRAMA "BIBLIOTECA CREATIVA"

A principios deste novo curso, o noso centro solicitou participar na nova convocatoria que fai a Consellería de Educación e a Asesoría de Bibliotecas de Galicia do Programa "Biblioteca creativa". 
O traballo levado a cabo nos últimos cursos e a alta actividade da nosa biblioteca vese de novo premiada ao ser seleccionados. Este venres comezamos cunha sesión de formación para o profesorado en Santiago de Compostela. Esperamos ofrecer deste xeito máis actividades novidosas e motivadoras para o noso alumnado.

NOVOS PROGRAMAS DE RADIO


Comezamos de novo cos programas na nosa radio escolar, RADIO V.I. Este ano ademais de continuar cos programas xa editados e subidos ao noso canal en IVOOX, todo o centro vai preparar gravacións relacionadas co Proxecto Documental Integrado A que sabe o mundo? e logo o alumnado de 6º será o encargado de editar, gravar e publicar un programa especial. Estade moi atentos as novas que iremos anunciando.

martes, 16 de outubro de 2018

Obras de teatro, Kamishibai e teatro de sombras.

O día 5 de Outubro os alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria actuaron na biblioteca para o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria. Uns equipos fixeron teatro de sombras, outros Kamishibai e os últimos actuaron cunhas pequenas obras creadas por eles. 
Podedes ver os vídeos no seu blog de aula Conecta Cuarto.




xoves, 11 de outubro de 2018

EXTRA EXTRA! CHEGA O XORNAL O PAPAGAIO!!


Este ano contamos cun novo xornal escrito totalmente en galego para a xente miúda do noso cole. Trátase de O Papagaio de Edicións Moito Conto
De momento o tedes nas aulas dende 3º ata 6º de Educación Primaria e tamén hai dous exemplares na biblioteca para consulta de toda a comunidade educativa.
Disfrutádeo!!

DECÁLOGOS DAS NORMAS DE BIBLIOTECA


O alumnado de 6º de Educación Primaria está elaborando baixo a supervisión do seu titor uns decálogos coas normas da biblioteca. Están quedando moi ben. Pronto os veremos no taboleiro de entrada á biblioteca. 

venres, 5 de outubro de 2018

FORMACIÓN DE AXUDANTES DE BIBLIO

Unha das funcións que realizan os nosos novos axudantes de biblioteca é o rexistro dos préstamos no tempo de lecer. Hoxe, dúas alumnas de 5º aprenderon a facer os rexistros no Programa Meiga. Puxeron moito interese e practicaron facendo os préstamos dos nenos e nenas de Educación Infantil.

mércores, 3 de outubro de 2018

PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUBE DE LECTURA

O día 1 de Outubro tivo lugar a primeira xuntanza do clube de lectura de 6º. Toda a información sobre o calendario das sesións e as actividades que realizamos na pestana do CLUBE.
Se estás en 4º, 5º ou 6º de Educación Primaria non dubides en preguntar na biblioteca e apuntarte ao noso clube. Esperámoste!

TEATRO DE SOMBRAS E KAMISHIBAI

O alumnado de 4º de Educación Primaria anuncia as súas actuacións na biblioteca para este venres 5 de Outubro. Eles mesmos preparan os anuncios e preparan as obras de teatro. Que gañas de velos!