luns, 30 de outubro de 2023

venres, 27 de outubro de 2023

FORMACIÓN DE USUARIOS EN EDUCACIÓN INFANTIL

 


Para rematar esta semana do Día das bibliotecas, aproveitamos a visita semanal de Educación Infantil para contarlles o conto "La biblioteca nocturna" na que hai tamén diferentes salas como na nosa: rincón dos Contacontos, sala de lectura, sala de actividades e moitos, moitos libros.

xoves, 26 de outubro de 2023

PRIMARIA VAI AO AUDITORIO

 


Seguimos celebrando a semana do Día das bibliotecas cunha visita ao auditorio de O Grove con todo o alumnado de Educación Primaria. 
A Biblioteca Municipal invitounos á proxección da película de animación "Valentina", dirixida por Chelo Loureiro e premiada nos Goya 2022


Temos que dar as grazas ao Concello que facilitou o traslado do colexio ao auditorio en buses nun día de moita chuvia.

mércores, 25 de outubro de 2023

XOGO DE BUSCA POLO PATIO


Continuamos celebrando a semana do Día das bibliotecas cun xogo de busca no patio do colexio. Aproveitando unha pequena raiola de sol saímos na procura de libros que estaban agochados polo patio, seguindo as indicacións dun mapa o alumnado de 2º Primaria puido atopar unha chea de libros, resolver as preguntas da ficha proposta e resolver finalmente a palabra secreta: SAMAÍN.

 

luns, 23 de outubro de 2023

CONTACONTOS EN EDUCACIÓN INFANTIL POLO DÍA DAS BIBLIOTECAS

 


Comezamos a semana do Día das bibliotecas cunha visita especial para o alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil: as "Contacontos" da Biblioteca Municipal de O Grove, Almudena Vidal e Lorena Prieto. Primeiro contaron a historia "A disputa das cores", un conto clásico para entender valores importantes como a cooperación e despois pasamos á sala creativa para facer unha nova dinámica: o alumnado fixo o a seu propio arco da vella. 
Preme na imaxe para ver a Galería de fotos.

venres, 20 de outubro de 2023

RECITANDO A ANTONIO MACHADO

 


Recital de poesía de Antonio Machado. 
Na clase de 6º de Educación Primaria están a facer un xogo moi interesante ao que lle puxeron o nome de "Cultureando". A mestra coloca unha imaxe na porta de entrada e aquel ou aquela que saiba o nome da persoaxe ou do cadro da imaxe o escribe nun papeliño co seu nome. A medida que acerten a resposta correcta levan unha puntuación. 
Unha das imaxes foi a do poeta Antonio Machado. Logo de investigar sobre a súa obra literaria prepararon un recital para facer nunha das súas sesións semanais de biblioteca.


Algunhas das imaxes do xogo "Cultureando"

xoves, 19 de outubro de 2023

INVESTIGANDO O MUNDO ANIMAL

 


O alumnado de 2º de Educación Primaria segue aproveitando moi ben os recursos da biblioteca para investigar sobre diferentes temáticas. Todos os luns visitan a sala dos contos para facer os préstamos e a sala de investigación onde dispoñen de unha gran variedade de libros informativos. Este último luns buscaron unha chea de libros sobre animais e cubriron as fichas de investigación.

luns, 16 de outubro de 2023

FORMACIÓN EN CIBERSEGURIDADE

 


Hoxe visitounos "Polo correo do vento" para realizar unha sesión de narración oral con ilustración e música en directo sobre a seguridade no uso da rede dirixida aos rapaces e rapazas de 4º e 5º de Educación Primaria. Deixaron como agasallo unha ilustración con toda a información que podedes ver nunha das entradas ao cole e tamén o enlace ao conto que fala deste tema: Ciberseguridade con Sofía.

luns, 9 de outubro de 2023

FORMACIÓN DE USUARIOS CON 1º PRIMARIA

 


A semana pasada o alumnado de 1º de Educación Primaria recibiu a súa primeira sesión de formación de usuarios. Aprenderon onde están os libros que poden levar emprestados para casa e as normas de uso dos recursos que teñen a súa disposición. Despois de gardar os contos nas mochilas de préstamo, xogaron na sala creativa durante o resto do tempo. 
Que ben o pasaron! Están xa pensando na próxima visita á nosa biblioteca e algúns aproveitaron ese mesmo día para volver no tempo de lecer.

xoves, 5 de outubro de 2023

5º INFANTIL NA SÚA HORA DE BIBLIOTECA

 


O alumnado de 5º de Educación Infantil xa acudiu á sala creativa para facer xogos de construción e xogos simbólicos. En pequenos grupos foron rotando polas diferentes mesas. Seguindo as instruccións de formación previa empregaron os recursos con moito coidado e deixaron todo recollido ao finalizar a sesión. Noraboa a tod@s! 


mércores, 4 de outubro de 2023

TEMPOS DE LECER NA BIBLIOTECA

 Este curso escolar temos novas quendas para os tempos de recreo. Os martes e mércores poden acudir nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; os luns e venres son os días reservados para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria; e os xoves son os días no que se reunen os membros voluntarios do Club de lectura e o Club de Biblioteca Creativa que realizan a súa programación de actividades cada 15 días. 

Coma sempre o recreo é o momento de ocio máis importante da mañá e temos moitos usuarios que veñen para xogar con Lego, Kapla, xogos de mesa, xogos de lóxica e por suposto ós videoxogos. Pero tamén temos aficionados ás marionetas e ós contos. 

Preme na imaxe para ver algunhas das actividades nos tempos de lecer.



luns, 2 de outubro de 2023

INVESTIGANDO O MISTERIOSO UNIVERSO

 O alumnado de 1º e 2º anda tolo na procura de información sobre o Universo. De forma autónoma nenos e nenas van cambiando polas diversas actividades: realidade aumentada, construccións do sistema solar, consulta de libros seleccionados previamente polos mestres da nosa biblio, planetas en plastilina, debuxos... 

Van descubrindo a traslación de cada planeta, as características deles, as fases da lúa, as constelacións, entre outras moitas cousas.