mércores, 30 de outubro de 2019

LECTURAS TERRORÍFICAS

Onte e hoxe o alumnado de 6º de Educación Primaria encerraron ao resto do cole na biblioteca por quendas no tempo da hora de ler  para lerlles unhas historias terroríficas inventadas por eles mesm@s. De momento vos deixamos unha galería de fotos, pero pronto gravaremos na radio escolar esas historias... que fixeron tremer de medo a algún e algunha....JA JA JA...


martes, 29 de outubro de 2019

CHEGARON OS CARTEIS DA ASESORÍA CO NOVO LEMA DESTE CURSO

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar. 

luns, 28 de outubro de 2019

O CLUB DE LECTURA COMEZA OS ENSAIOS DE TEATRO

Hoxe no tempo de lecer o novo club de lectura retomou os ensaios da obra de teatro "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" de Carlos Casares. Se queres formar parte do noso club, aínda estás a tempo. Pregunta na biblio.
Podes seguir as súas actividades e calendario de xuntanzas na pestana adicada ao club. 

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO SAMAÍN

Comezamos unha nova semana coas actividades do Samaín. O programa deste ano inclúe:

1. "Contacontos por un día" en Educación Infantil coa colaboración das familias. Na primeira sesión das mañás dos días 28, 29 e 30.

2. "Lecturas terroríficas" en Educación Primaria coa colaboración do alumnado de 6º.
Mañá 29 acudirá á biblioteca no tempo da "Hora de ler" o alumnado dende 1º a 3º de Ed. Primaria e o mércores 30 será a quenda para alumnado de 4º a 6º de Ed. Primaria. Estes son os anuncios que pegaron os de 6º por todas as paredes do cole.



3. Exposición de cabazas. Como todos os anos precisamos a colaboración das familias para realizar esta exposición. Este ano o proxecto vai sobre as Olimpiadas, así que esperamos recibir moitas cabazas decoradas deportivamente. Preme aquí para coller ideas.

4. Ambientación de portas, corredores, expositor de libros...
Na biblioteca podes escoller o que máis medo che dea....

Recorda que nos taboleiros de Pinterest SAMAÍN podes atopar unha chea de recursos e ideas para esta semana: libros, cancións, curtas de medo...



mércores, 23 de outubro de 2019

TEATRO "ELAS PINTAN MOITO"


Seguimos celebrando esta semana, o Día das Bibliotecas, coa visita dos grupos de Educación Infantil á Biblioteca Municipal de O Grove. O grupo Migallas estaba alí esperándonos coa actuación de "Elas pintan moito", sesión de contos baseada na obra de diferentes pintoras: Xulia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Khalo e Yayoi Kusama.
Galería de fotos

martes, 22 de outubro de 2019

O FESTIVALIÑO CHEGA O NOSO COLE

Comezamos a semana coa visita especial da caravana do Festivaliño enviada pola Biblioteca Municipal de O Grove para acampar no noso patio durante toda a mañá do luns. 
Os primeiros en entrar á caravana foron os de 6º de Ed. Primaria e así, en sesións de 40 min aproximadamente, foron baixando todos os cursos ata 1º de Ed. Primaria.
Mentras un grupo visionaba pequenas curtametraxes sobre os distintos valores educativos o outro grupo aprendía a facer reportaxes. Despois intercambiaban as actividades. 
Pasaron unha mañá de cine!!
Galería de fotos

luns, 21 de outubro de 2019

SESIÓNS DE INGLÉS NA BIBLIO

A mestra de lingua inglesa de 1º de Ed. Primaria leva os nenos e nenas á biblio cunha divertida actividade en equipos: aprender os nomes das partes do corpo debuxando espeluznantes monstros








venres, 18 de outubro de 2019

XORNADA DE PORTAS ABERTAS 19

O día 24 de Outubro celebramos no cole o Día Internacional das bibliotecas cunha xornada de portas abertas para toda a comunidade educativa.
Como todos os anos faremos previamente unha presentación do noso proxecto documental integrado na biblioteca. A continuación está programada a realización dunha xincana olímpica na que poden participar todos os que se inscriban antes do día 22 de Outubro. Remataremos o evento cunha merenda saudable. 
Para apuntarse só hai que cubrir a ficha de inscripción que levaron os nenos e nenas para casa e entregarlla ao titor. Os esperamos!!

LOGO GAÑADOR DO PROXECTO

LAMBETÓN, MASCOTA DE ARDIA 2020


Presentámosvos a Lambetón, 
a mascota oficial dos Xogos Ardia2020.

xoves, 17 de outubro de 2019

FUTURO ESPAZO MAKER

Comezamos este curso con obras nos antigos espazos destinados ao laboratorio e a sala de audiovisuais. Temos que dar as grazas ao Concello de O Grove que se implicou co noso proxecto de reforma, tirando a parede que separaba estes dous espazos e convertindo a futura sala maker nun espazo bastante amplo. Tamén están agora mesmo sacando azulexos, recebando paredes, pintando e poñendo o parqué no chan. Vai quedar un espazo realmente acolledor para actividades relacionadas coas novas tecnoloxías.
Haberá unha zona destinada ás proxeccións, outra para o Croma con gradas para o noso pequeno público, zona de mesas para traballo en equipo, zona de ordenadores para programación e edición de vídeos, parede Lego para actividades de construcción e a zona de escornabots e a impresora 3D que mercaremos grazas ao Programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia no que participamos por segundo ano.

Galería de fotos das obras

mércores, 16 de outubro de 2019

NOVO MURAL DE BIBLIO

Os axudantes de biblio levan desde principios de Outubro coa renovación do mural da entrada á biblioteca nos tempos de lecer. Están traballando arreo para que esté listo para a celebración da Xornada de Portas Abertas no Día Internacional das bibliotecas.
Desmontando o antigo mural de Bibliochef
Recortando letras 
Pegando letras
Preparando libriños informativos


O noso mural vai collendo forma

martes, 15 de outubro de 2019

PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

Hoxe comezamos coa primeira sesión do novo club de lectura. Algúns membros xa estaban no grupo o curso pasado e temos dous integrantes novos. Benvidos ao club!
Comezamos preparando obra de teatro para Nadal: reparto de papeis dos persoaxes e das copias da obra. 
Non te perdas todas as actividades do club na pestana do mesmo.

luns, 14 de outubro de 2019

ACTIVIDADES CREATIVAS E INCLUSIVAS


Comezan as sesións de biblioteca dos diferentes cursos e os de 3º A e 3º B xa están a construir coas pezas Lego, inventar historietas coas marionetas e xogar cos libros. Preme na imaxe para ver a galería de fotos.

xoves, 10 de outubro de 2019

EXPOSITOR PAÍSES DO MUNDO

No expositor de rodas situado no centro da biblioteca podedes atopar libros da sección de Xeografía onde hai moita información para os vosos traballos de investigación sobre os países que vades representar nos xogos "ARDIA 2020".




mércores, 9 de outubro de 2019

ÁBRESE O PRAZO DE VOTACIÓNS

Durante estes primeiros días os nenos e nenas desde Infantil ata 6º de Primaria estiveron a facer debuxos de logos e da mascota para o proxecto ARDIA 2020. Houbo unha selección previa nas clases e despois una selección por etapas e niveis feita polos mestres.
Desde hoxe ata o 16 de Outubro está aberta a votación para que participe toda a comunidade educativa . Só tes que entrar no enlace e facer as túas votacións.


Preme aquí para votar

xoves, 3 de outubro de 2019

mércores, 2 de outubro de 2019

PRIMEIRAS TAREFAS DOS AXUDANTES


Os axudantes voluntari@s de biblioteca comezaron as primeiras tarefas da garda no tempo de lecer. Onte e hoxe cubriron os datos persoais dos pasaportes lectores dos mais pequen@s do cole.