martes, 25 de abril de 2017

COMPARTINDO LECTURAS

O luns, día 24 comezamos celebrando a semana do libro coa visita do alumnado do club de lectura do IES As Bizocas. Primeiro fixeron unha presentación do seu club e o blog onde publican todas as actividades que van facendo ó longo do curso. Despois en pequenos grupos compartiron opinións sobre as súas lecturas favoritas co alumnado de sexto curso. Foi unha experiencia moi positiva para todos e esperamos seguir repetindo esta actividades en vindeiros cursos.









xoves, 20 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO

O 23 de Abril celébrase o Día do libro. No cole celebrarémolo durante toda a semana do 24 ao 28 con diversas actividades.

Día 24: Visita do Club de lectura do IES As Bizocas. Repetiremos a experiencia do curso pasado. O alumnado do Club de lectura do Instituto presentará a súas actividades ao alumnado de 6º de Ed. Primaria na biblioteca e despois en parellas e pequenos grupos compartirán lecturas no patio.

Día 25: Actividades de animación á lectura e formación de usuarios en colaboración coa Biblioteca Municipal de O Grove para o alumnado de Educación Infantil. (Contacontos e uso dos marcalibros)

Día 28: Entrega dos premios aos gañadores do Concurso do Pasaporte Lector do 2º trimestre: Premios aos mellores lectores e ás mellores críticas literarias.

E colaborando co equipo de Dinamización da Lingua Galega levaremos a cabo durante toda a semana un xogo de pistas para adiviñar cales son os personaxes das siluetas que aparecerán polas paredes do cole. MOI ATENTOS e a participar.

Xa está a vosa disposición o expositor adicado a esta semana na biblioteca con libros sobre Cervantes, Shakespeare, Garcilaso... e na pestana DÍA DO LIBRO atoparedes unha chea de recursos.




venres, 31 de marzo de 2017

RECURSOS DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

O venres, día 7 de Abril, celebramos o Día Mundial da Saúde. Tedes os recursos seleccionados e actualizados na pestana SAÚDE.

O lema proposto este ano pola OMS é "falamos da depresión", unha enfermidade que afecta a saúde de moitas persoas no mundo. 

Dende o noso centro, animamos á comunidade educativa a participar nas actividades físicas e deportivas, un medio infalible contra enfermidades como a depresión.

Este venres faremos a terceira sesión aeróbica no tempo do lecer. Preparad@s para bailar?

mércores, 29 de marzo de 2017

FORMACIÓN DE USUARIOS

O alumnado de 4º de Educación Primaria xa son expertos na  nova colocación dos libros. A través dun xogo cooperativo aprenderon a colocar os libros nos andeis seguindo a CDU. Un equipo escollía os libros a colocar e logo outro tiña un tempo para colocalos correctamente. Que ben o pasaron e canto aprenderon!





martes, 28 de marzo de 2017

PRIMAVERA NA BIBLIOTECA

O equipo de axudantes de 6º curso xa está a mudar a árbore da entrada á biblioteca co cambio de estación. Aínda vai moito frío pero a neve da árbore de inverno xa se derretiu e agora comeza a estación das cores: flores feitas co material que vai sobrando doutras actividades penduran das pólas da nosa árbore.


luns, 27 de marzo de 2017

NOVO CONCURSO PASAPORTE LECTOR

Neste concurso pode participar todo o alumnado de 3º, 4º ,5º e 6º de Educación Primaria. Soamente hai que deixar neste buzón situado na mesa da biblioteca recomendacións ou críticas dos libros selados no pasaporte lector durante o 2º trimestre.
Recorda poñer o teu nome e curso.

Para o resto dos cursos seguiremos co premio ao máis lector. Vémonos na biblio!