mércores, 31 de maio de 2017

O ALUMNADO DO CRA DE MEIS APRENDE CON NÓS

O pasado 26 de Maio tivemos unha visita especial no cole: o alumnado de 5 anos do CRA de Meis.
E que viñeron facer?
O noso alumnado de 6º de Primaria foi o encargado de presentar as actividades que xunto cos mestres organizaron unha xornada educativa moi aproveitosa para todos.
Por unha banda os pequenos e pequenas de Meis poideron aprender en que consiste a compostaxe e todo o que estamos a facer no noso PDI Mans de terra, e por outra banda, o noso alumnado convertiuse por un día en: mestres, explicando aos meniños o proxecto; periodistas, facendo fotos e vídeos durante a xornada; monitores de bailes, dirixindo o noso baile do proxecto; animadores nos xogos...


Preme a imaxe para ver a galería de fotos

O responsable da biblioteca escolar  do CRA de Meis con quen contactamos para facer esta xornada felicitounos pola organización e sobre todo marcharon con ganas de volver, así que seguiremos en contacto para futuras visitas. 

sábado, 27 de maio de 2017

TÍTERES ALAKRÁN PARA TODOS


Durante a Semana das Letras Galegas a compañía Títeres Alakrán representou para todo o cole (Infantil e Primaria) a función "Soños na gaiola", obra de Manuel María. Se premes na imaxe poderás ver toda a galería de fotos. Que ben o pasaron os pequenos e os non tan pequenos tamén!

venres, 26 de maio de 2017

FINALISTAS EN PROYECTA INNOVACIÓN CON MANS DE TERRA

Catro representantes do centro: Laura, mestra; Luis, mestre; Antía, alumna e Iñaki, alumno, foron o pasado 12 de maio a A Coruña para presentar o proxecto documental integrado Mans de terra que estamos levando a cabo neste curso ao IV Concurso Proyecta Innovación no que quedamos finalistas xunto con outros 6 centros educativos co título: Mans de terra, a por la frambuesa!

Foron moitos os ensaios na biblioteca do centro: sen público, co alumnado doutros cursos de público, o claustro de mestres ao completo... Todos estabamos convencidos de que os nosos representantes ían facelo moi ben.

Aquí vos deixamos algunhas fotos dos ensaios na biblioteca e da exposición en A Coruña.




Podes ver o vídeo da presentación coa quedamos finalistas no blog do proxecto ou na Plataforma Proyecta.
Poder ver o vídeo da defensa en A Coruña en Proyecta You Tube



martes, 23 de maio de 2017

MI AMIGO EL ESPANTAPÁJAROS

Xa temos na biblioteca outro conto elaborado por un dos nosos alumnos. Adrián Cacabelos de 4º A fixo xunto coa súa profe Elena un conto con pictos titulado Mi amigo el espantapájaros que incluirémolo nos traballos elaborados para o proxecto Mans de terra e que xa forma parte da nosa biblioteca. Podédelo ver tamén na pestana dos NOSOS TRABALLOS.
Ademáis, Adrián xunto con compañeiros do seu curso, foron á clase dos máis pequenos do colexio para lerllo. Que ben o pasaron todos!
 

xoves, 11 de maio de 2017

CARLOS CASARES, LETRAS GALEGAS 2017

Xa tedes a vosa disposición o novo taboleiro de recursos adicado a Carlos Casares. Tamén na pestana Letras Galegas atoparedes máis información sobre esta celebración.

Novidade no expositor da biblioteca

venres, 5 de maio de 2017

RECURSOS DÍA DE EUROPA

Aproxímase o día 9 de Maio, data no que celebramos en todos os coles o Día de Europa. 
Como todos os anos seleccionamos os libros nun expositor adicado a este día que podedes atopar na biblioteca. Tamén na pestana EUROPA hai unha boa selección de recursos de Internet: guía de libros da biblioteca, información, actividades, xogos...


xoves, 4 de maio de 2017

XOGANDO COS CONTOS CLÁSICOS

O xogo das siluetas dos personaxes dos contos clásicos proposto dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega foi todo un éxito. Durante toda a Semana do Libro todo o alumnado andivo na procura delas polos corredores do centro. Estade ben atentos ao blog porque axiña será o sorteo entre todos e todas os que cubríchedes a ficha correctamente.



mércores, 3 de maio de 2017

PREMIADOS CONCURSO PASAPORTE LECTOR

O venres día 28 rematamos a Semana do Libro coa 2ª entrega dos premiados no concurso do Pasaporte lector. No segundo trimestre fixemos dous concursos:
- Diploma ao mellor lector, para os máis pequenos do cole. (Infantil, 1º e 2º de Primaria).
- Diploma á crítica literaria, no que participaba o alumnado de 3º a 6º de Primaria.
Preme na imaxe para ver as fotos dos premiados.



martes, 2 de maio de 2017

FORMACIÓN DE USUARIOS E CONTACONTOS PARA EDUCACIÓN INFANTIL

A segunda actividade programada para a semana do libro en colaboración coas responsables da Biblioteca Municipal de O Grove foi a destinada a Educación Infantil. Os máis pequerrechos do cole acudiron á nosa biblioteca para aprender o que poden facer a través do xogo do semáforo. Despois aprenderon a colocar ben os libros nos andeis e usar os marcalibros correctamente. Por último tiveron a sorte de escoitar uns contos e facer fichas dos mesmos. Que ben o pasaron!! Esperamos que as chicas da biblio de O Grove volvan pronto con máis contos e actividades. Graciñas por colaborar tanto e estar sempre dispostas a visitarnos.