domingo, 27 de maio de 2018

RECURSOS DÍA DO MEDIO AMBIENTE



O equipo de axudantes de biblioteca xa montou o expositor adicado ao Día Mundial do Medio Ambiente (5 Xuño). Tamén fixeron unha selección de contos para lerlles aos máis pequenos do cole durante esa semana. Atoparedes mais información na pestana MEDIO AMBIENTE.

venres, 25 de maio de 2018

OBRA DE TEATRO NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

E seguimos coa programación de actividades polas Letras Galegas. Hoxe tocoulles o turno ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Durante o segundo trimestre todos estes cursos leron e traballaron a temática do libro "Leonardo e os fontaneiros" da autora María Victoria Moreno. Hoxe poideron desfrutar dunha obra de teatro baseada nesta historia. A  primeira hora da mañá saímos camiñando cara á Casa da Cultura Manuel Lueiro onde está ubicada a Biblioteca Municipal para ver a obra xunto co alumnado do Ceip As Bizocas, tamén do noso Concello. 


xoves, 24 de maio de 2018

LIBRO COLABORATIVO "EXPERIMENTO VI"

Preme na imaxe para ver o libro

Xa temos á vosa disposición no expositor do PDI Experimento VI: Ciencia e tecnoloxía o libro colaborativo que fixéchedes entre todos: Educación Infantil e Educación Primaria. Aquí o compartimos con todos para a súa divulgación e que o poidades ver nas vosas casas tamén. Moitas grazas polo voso esforzo e participación.

martes, 22 de maio de 2018

MEDINDO A BIBLIOTECA

Despois de todos os cambios que fixemos dende a nosa entrada no PLAMBE, precisabamos actualizar o plano da biblioteca. A mestra responsable plantexoulles un reto ao alumnado de 6º de Educación Primaria: a elaboración dun novo plano. Armados con cintas métricas e regras de 1 metro foron a tomar as medidas necesarias. Estamos ansiosos por ver os resultados. 






luns, 21 de maio de 2018

RECITAL POÉTICO MUSICAL MAR ADIANTE

O pasado venres día 18 de Maio celebramos o día das Letras Galegas cun recital poético musical na biblioteca dirixido e organizado pola mestra de música con todos os cursos do noso centro. Tamén houbo recital especial do alumnado de 4º de Educación Primaria coa colaboración dos seus titores.
Se premes no subtítulo da imaxe verás o vídeo da actuación.
Educación Infantil
1º Educación Primaria

2º Educación Primaria
3º Educación Primaria



4º Educación Primaria
4º Educación Primaria

5º Educación Primaria
6º Educación Primaria



xoves, 17 de maio de 2018

UNHA MANCHEA DE PALABRAS

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso cole publica este vídeo que elaboraron coa colaboración de todo o alumnado, mestres e o noso conserxe.
Moitas grazas a tod@s polas vosas palabras favoritas en galego. 

sábado, 12 de maio de 2018

OBRADOIRO MONTAXE DO CARRO GALEGO

Na mañá do venres tivemos unha visita especial: os irmáns Rober e Quin do Centro de interpretación  da cultura agraria O Quinteiro de Temperán de O Grove. A actividade tivo moito éxito e o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria participou de forma activa nas diferentes propostas. Primeiro lles ensinaron un pouco da historia do carro galego, o tipo de madeira que se precisa para elaborar as pezas e as ferramentas necesarias na sala de audiovisuais. Despois aprenderon o vocabulario específico das partes do carro e todas as pezas necesarias mediante xogos de sopa de letras no laboratorio e por último realizaron de forma cooperativa a montaxe do carro na biblioteca. 










 Pincha aquí para ver o timelapse creado coa Raspberry Pi polo alumnado de 6º de Educación Primaria na súa quenda.

xoves, 10 de maio de 2018

RECURSOS LETRAS GALEGAS

Novo expositor das Letras Galegas cos libros que temos na biblioteca de María Victoria Moreno, mestra e escritora a que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. Podedes atopar o expositor xunto ao mural que está a elaborar todo o alumnado do centro baixo a dirección do Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Non esquezas participar e deixar a túa verba favorita en galego no mural. Aínda queda algún oco.



 Mais recursos na pestana adicada as Letras Galegas.

sábado, 5 de maio de 2018

AS NOSAS FAMILIAS NA RADIO

Nais e pais do noso cole están a visitar a nosa radio escolar. O alumnado de 3º de Ed. Primaria que está a traballar o tema dos oficios tivo a iniciativa de invitar as súas familias ao cole para contar a que se dedican profesionalmente. E claro, tendo unha radio recién montada no cole, non deixamos escapar a ocasión de levalos e entrevistalos. Visita a nosa canle de RADIO VI para escoitar os resultados.


venres, 4 de maio de 2018

TEATRO NA BIBLIOTECA

Hoxe comezamos coas actividades programadas para a celebración das Letras Galegas. A compañía de teatro Galeatro visitounos esta mañá e o alumnado de 5 anos, 1º, 2º e 3º de Educación Primaria disfrutaron da súa actuación na biblioteca. O espectáculo titulado Contos no faiado está baseado na obra da muller á que se adica este ano as Letras Galegas: María Victoria Moreno.  Todos o pasaron moi ben e ata algúns do público puideron participar na actuación.









xoves, 3 de maio de 2018

ALUMNADO DE 3º PREMIADOS NO XIX PREMIO LUIS FREIRE DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA EN LA ESCUELA


O proxecto de aula  Xérmenes, non podemos vivir con eles, pero sen eles tampouco, levado a cabo polo alumnado de 3º de Educación Primaria dentro do proxecto deste ano Experimento VI: Ciencia e tecnoloxía foi premiado este 28 de Abril en A Coruña. Catro representantes do alumnado foron á Sala Leonardo da Vinci da Domus onde fixeron a presentación pública do proxecto acadando o terceiro premio do XIX Premio Luis Freire de Investigación científica en la escuela.
O martes día 2 trouxeron ao cole o premio recibido para ensinalo aos seus compañeiros e compañeiras. A periodista da Voz de Galicia non perdeu ocasión de visitalos tamén para facer a reportaxe.
Noraboa rapaces e rapazas! Bo traballo!

mércores, 2 de maio de 2018

RECURSOS DÍA DE EUROPA


NOVO EXPOSITOR NA BIBLIOTECA!!!

Aproxímase o día 9 de maio, Día de Europa, e o Equipo de Biblioteca xa preparou o expositor adicado a este día. Tamén no noso taboleiro de Pinterest atoparedes novos recursos educativos e varias guías de cuentos tradicionais e populares de Europa.  Esperamos que vos gusten. Moitos destes contos están na nosa biblioteca. Serás quen de atopalos?

Podes ver na pestana adicada a EUROPA as actividades feitas en cursos anteriores.