martes, 22 de decembro de 2020

PANXOLIÑA DO CEIP VALLE INCLÁN

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria interpretan esta panxoliña para celebrar o Nadal baixo a dirección da mestra de música Raquel e a colaboración do Equipo de Dinámica Galega na súa edición. 

Felices vacacións de Nadal!



luns, 21 de decembro de 2020

QUE AGASALLOS PIDO POLO NADAL?

 O equipo de biblioteca elaborou esta guía de libros en galego, castelán e inglés, música, xogos de mesa e películas para suxerir ideas dos agasallos que podedes pedir polo Nadal. Esperamos que vos sexa de utilidade. 

Bo Nadal!

Preme na imaxe



xoves, 17 de decembro de 2020

RECURSOS PARA AS ACTIVIDADES NAVIDEÑAS

 


O equipo de biblioteca estivo a buscar por todos os andeis libros para estes últimos días antes das vacacións de Nadal. Preme na imaxe para acceder á Galería onde aparecen os libros coa súa ubicación actualizada. 

Tamén podedes consultar a pestada adicada ao NADAL co taboleiros de recursos seleccionados en Pinterest. Por último atoparedes as actividades de cursos anteriores.

mércores, 16 de decembro de 2020

ENSAIOS DE CANCIÓNS NAVIDEÑAS

Cancelamos esta semana as visitas á biblioteca no tempo de lecer para poder realizar os ensaios das cancións navideñas baixo a dirección da mestra de música.



 

luns, 14 de decembro de 2020

OS LIBROS FAVORITOS DO ALUMNADO DE 1º

 



Cando lle toca a quenda do tempo de lecer ao alumnado de 1º de Educación Primaria é o momento de encher o expositor con libros  manipulativos que teñen solapas para curiosear e con moitos desplegables. Son os libros que sempre piden e hai que estar moi rápido para non quedar sen el.

TARXETAS DE NADAL EN LINGUA INGLESA

 


Os máis maiores do cole encheron a aula de lingua inglesa con traballos, tarxetas e cancións de Nadal. 
Preme na imaxe para ver a galería de fotos.

venres, 11 de decembro de 2020

Bolsas que veñen e van en INFANTIL



 Este ano, para cumprir co protocolo de adaptación á situación Covid19, temos os libros de préstamo nas aulas para controlar mellor a corentena que teñen que pasar os libros cando chegan das casas. Así por exemplo, no 5º de Infantil, traen as bolsiñas os mércores e levan un novo libro os venres. Grazas ás familias por lerlles os libros aos nenos e devolvelos a tempo para desfrutar dun novo. Sen a vosa colaboración esta actividade non sería posible.

 

xoves, 10 de decembro de 2020

RAP DO MAGOSTO

 Non foi sen tempo... pero o bo sempre se fai esperar. Aquí temos recén chegado do forno o vídeo editado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega onde o noso alumnado ao completo dende Infantil ata 6º de Primaria fai unha magnífica representación do Rap do Magosto, dirixido pola súa mestra de música Raquel. No fondo, decorando a parede, están as manualidades que fixeron os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria coa súa mestre de Plástica Alba. Noraboa a tod@s polo traballo!!



mércores, 9 de decembro de 2020

COMEZAMOS ARDIA 2021, CONTINUACIÓN DO PDI ARDIA 2020

 


Os diferentes grupos-aula elexiron durante este primeiro trimestre un novo país para investigar e representar nos Xogos Olímpicos Ardia 2021. O equipo de biblioteca xa empezou a remexer nos andeis para atopar libros relacionados cos países escollidos. Pouco a pouco irán chegando ás bibliotecas de aula de destino.

Tamén elaboramos un mural de presentación dos novos países en Genially, publicado no blog do proxecto como punto de partida deste novo curso.

venres, 4 de decembro de 2020

VIDEOCONFERENCIA CON TITE

O xoves día 3 de Decembro tivemos unha videoconferencia con Enrique Navas (Tite), un deportista de piragüismo que ensinounos que o esforzo e a constancia é o mellor amuleto para ter sorte na vida persoal, profesional e deportiva. Compartimos con toda a comunidade educativa a gravación da charla que tivo lugar na nosa biblioteca co alumnado de 4º de Educación Primaria para conmemorar o Día das persoas con discapacidade.




Para máis información sobre esta conmemoración preme na pestana adicada a esta data no noso blog.


martes, 1 de decembro de 2020

luns, 30 de novembro de 2020

INVESTIGANDO OS ANIMAIS EN 3º PRIMARIA

 

O equipo de biblioteca seleccionou unha chea de libros sobre animais para o alumnado de 3º de Primaria que está neste trimestre traballando este tema. 

venres, 27 de novembro de 2020

Santa Compaña´s Stories in Radio na biblio

 

Sabela e Nora de 5º B cóntanos na radio escolar historias sobre a Santa Compaña en lingua inglesa, unha actividade pola celebración do Halloween nesta área de aprendizaxe. 

xoves, 26 de novembro de 2020

PROXECTOS OCÉANOS EN INFANTIL

 Pouco a pouco o proxecto dos océanos de 6º de Educación Infantil va collendo forma e comezan a verse os primeiros resultados. Preme aquí para acceder á galería de fotos.



mércores, 25 de novembro de 2020

KAMISHIBAI (TEATRO DE PAPEL) polo 25N- NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Alumnado voluntario de biblioteca  de 6º de Educación Primaria realizou durante este mes varios kamishibais con contos relacionados coa Violencia de Xénero e a igualdade. Aquí vos deixamos o vídeo do primeiro grupo de 6º A:

"A historia dos bonobos con lentes" da autora Adela Turín.





MÁIS RECURSOS PARA CONMEMORAR ESTA DATA AQUÍ


luns, 23 de novembro de 2020

NOVOS PROGRAMAS DE RADIO

 


O alumnado de 5º A comezou a gravar os primeiros episodios no programa Ardia 2020-2021 falando dalgúns Olímpicos, continuando así o traballo iniciado o curso pasado. Preme no seguinte enlace para acceder ao programa:

https://www.ivoox.com/podcast-ardia-2020-2021_sq_f11110138_1.html


mércores, 18 de novembro de 2020

TEMPO DE LECER, TEMPO DE LECTURA


 Algúns alumnos e alumnas de 1º de Educación Primaria acudiron á biblioteca no tempo de lecer e escoitaron a unha das súas compañeiras de clase ler o conto La Castañera Felipa que proxectamos na pantalla da biblio. 

martes, 17 de novembro de 2020

20 N - DÍA DA INFANCIA

 ACTIVIDADE 

Todos os anos celebramos esta conmemoración colaborando coa ONG Save the Children participando na Carreira Solidaria Kilómetros de solidariedade.

Este curso escolar, para cumprir co protocolo anti-covid, decidimos correr de forma individual realizando unha carreira de relevos o longo desta semana na que participa todo o alumnado nas sesións de Educación Física e nas de Psicomotricidade en Educación Infantil.

O reto será percorrer todo o patio e contar o número de voltas que consegue realizar cada grupo nunha sesión. Sumaranse o número de voltas realizadas entre todos para calcular finalmente os kilómetros percorridos.

As familias colaborarán facendo de patrocinadores dos seus fill@s e publicaremos os resultados no blog.


RECURSOS

A ONG SAVE THE CHILDREN  envíanos o material necesario: dorsais, carnés dos corredores e diplomas. Tamén comparten os enlaces ao material didáctico para o profesorado.

Na pestana do Día da Infancia deste blog atoparedes os fondos bibliográfícos relacionados con esta data, outros recursos seleccionados no noso taboleiro de Pinterest e as actividades realizadas en cursos anteriores.



venres, 13 de novembro de 2020

O POLO PEPE NA CLASE DE 3 ANOS

 Na primeira sesión de biblioteca no grupo de 4º de Infantil (3 anos) fixemos un pequeno contacontos do "Polo Pepe". Despois de escoitar o conto que lles encantou, aprenderon tamén un baile da canción do conto e por último colorearon ao Polo Pepe de múltiples cores. 



venres, 6 de novembro de 2020

RECURSOS PARA O MES DA CIENCIA EN GALEGO

 Novembro é o mes da Ciencia en galego e o equipo de biblioteca fixo un album dos fondos bibliográficos que podedes atopar na nosa biblioteca. Esperamos que vos sexa de utilidade para os vosos proxectos de aula.

Preme na imaxe para acceder ao album


venres, 30 de outubro de 2020

O ESPÍRITO DO ESPELLO

 Aquí vos deixamos unha historia de medo inventada por unha alumna de 6º B. Estupendo traballo Kayla! Esperamos recibir máis vídeos nos próximos días. Estade atentos ao blog!



O SECRETO DAS CABAZAS

 Alumnado de 5º B de Educación Primaria realizou este documental sobre o secreto das cabazas. Noraboa rapaces e rapazas por este estupendo traballo e por compartilo con toda a comunidade educativa.




xoves, 29 de outubro de 2020

CONTINUAMOS NOS PROGRAMAS DE BIBLIOTECA CREATIVA E RADIO NA BIBLIO

O noso centro solicitou a continuidade nos programas nos que xa levamos varios cursos como son BIBLIOTECA CREATIVA e RADIO NA BIBLIO e nos que fomos novamente seleccionados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.

-Resolución Biblioteca creativa

-Resolución da convocatoria do programa Radio na Biblio

Grazas a estas axudas económicas poderemos ampliar os materiais do espazo maker e continuar a formación en radio escolar para o alumnado.

Recibimos ademais novos fondos bibliográficos ao participar no curso de Biblioteca Creativa, que este ano levouse a cabo de forma telemática os días 26 e 27 de Outubro.




martes, 27 de outubro de 2020

HORA DE BIBLIO EN 5º DE EDUCACIÓN INFANTIL

 


Este ano para facer os préstamos levamos os libros a todas as aulas. Na aula de 5º de Ed. Infantil, a coordinadora de biblioteca en colaboración coa titora deste grupo realiza a sesión da hora de biblioteca.

O alumnado fala dos libros que levaron a casa, escolle outro novo para levar na súa bolsiña e escoitan un conto e participan no mesmo. 

Darlle as grazas as familias por colaborar na lectura destes contos nas súas casas e da devolución dos libros todos os mércores.


luns, 26 de outubro de 2020

CONTACONTOS SAMAÍN 2020

 Debido a situación actual non podemos facer os contacontos de forma presencial, así que os axudantes de biblioteca de 6º de Educación Primaria prepararon estes contos para os máis pequen@s. Esperamos que non pasen moito medooooo...

A figueira de Pelostortos

Corre corre Cabaciña

A bruxa regañadentes

Tedes máis recursos no noso taboleiro de Pinterest.

Ademáis, na pestana SAMAÍN poderás volver a recordar as actividades realizadas en cursos anteriores.


venres, 23 de outubro de 2020

Día das Bibliotecas


Estes últimos anos facíamos a Xornada de Portas Abertas no noso centro para celebrarar o Día das Bibliotecas. Este ano, dadas as circunstancias, decimos que foran os axudantes de biblioteca de 6º de Educación Primaria os que vos abriran as portas da nosa biblio a través de este video. Preme no enlace seguinte:

https://drive.google.com/file/d/1o3Lg_D4Ky2ZfXGxo-ZzuhL5-bUv2Rijw/view?usp=sharing

xoves, 22 de outubro de 2020

Pequenos ou GRANDES PROXECTOS nas aulas

 O alumnado de 6º de Educación Infantil comezou un proxecto sobre os océanos no que colaboran tamén as familias. Podemos ver unha mostra na entrada a súa aula con cunchas, debuxos e moitos moitos libros...

Pola súa parte o equipo de biblioteca fixo entrega á aula dunha caixa con fondos bibliográficos que poderían ser interesantes para a súa investigación.




mércores, 21 de outubro de 2020

AS MOCHILAS VIAXEIRAS COMEZAN DE NOVO A SÚA ANDANZA

 



Repartimos as mochilas viaxeiras nos diferentes grupos de Educación Primaria cada unha co seu diario. Coma sempre esperamos recibir moitas opinións e comentarios do alumnado e da súa familia no diario da mochila. Deixamos aquí unha pequena mostra do moito que nos contades e compartides neses diarios do curso pasado. 

venres, 9 de outubro de 2020

Primeiros recreos na biblio

 


Cunha media de asistencia de 7 alumn@s nos tempos de lecer comezamos esta semana. 

Non poden estar moi xunt@s pero acuden á biblio coa mesma ilusión e alegría de sempre. 

Uns len, outros debuxan e outros crean as súas historietas e llas contan aos outros.


Recorda que no taboleiro de entrada está o calendario coas quendas dos grupos:

                           LUNS       MARTES      MÉRCORES          XOVES            VENRES

1ª e 3ª semana:      1º              2ºA               2ºB                     3º                 4ºA

2ª e 4º semana:      4ºB           5ºA               5ºB                     6ºA              6ºB


O equipo de biblio prepara e selecciona moitos libros para que poidades escoller e soñar.










luns, 5 de outubro de 2020

COMEZAMOS UN NOVO CURSO ALGO DIFERENTE!

 


Benvidos e benvidas ao novo curso escolar 2020-2021!

Despois de moitos preparativos hoxe arrancamos as actividades da biblioteca co alumnado cumprindo coas medidas de prevención necesarias nestes momentos para evitar contaxios da Covid 19. 

O alumnado voluntario de 6º de Educación Primaria comezou no tempo de lecer a preparar as libretas de rexistro para os préstamos de libros que se farán nas aulas polo momento. Nas próximas xornadas colaborarán na elección dos fondos bibliográficos que o equipo de biblioteca repartirá a todos os grupos de Educación Infantil e Primaria en caixas.

Deixamos aquí o enlace ao protocolo de acceso e uso da biblioteca para este curso 2020-2021 que será revisado e actualizado en función da evolución da pandemia e as instrucións recibidas desde as Consellerías de Educación e de Sanidade. 

PROTOCOLO

HORARIO DE BIBLIOTECA PARA AS TITORÍAS


xoves, 2 de xullo de 2020

AGRADECEMENTOS E DESPEDIDA


O equipo de biblioteca quere agradecer á comunidade educativa a súa colaboración nos proxectos do colexio e o retorno de todos os libros que estaban nas casas durante o periodo de confinamento polo COVID-19 e que pasarán o verán en corentena.

Despedímonos coa esperanza de poder volver ás aulas en Setembro coas medidas de seguridade que nos indiquen dende a Consellería. 
Pasade un feliz verán dentro desta "nova normalidade" con sentidiño e saúde.

mércores, 10 de xuño de 2020

GUÍA DE LECTURAS ARDIA 2020

O equipo de biblioteca publica un ano máis a guía de lecturas para o verán con libros relacionados co proxecto deste curso 2019-2020. Preme na imaxe para ver a guía. Unha vez aberto o pdf podes ir vendo os enlaces de cada libro premendo sobre cada portada.

luns, 1 de xuño de 2020

RECURSOS DÍA DO MEDIO AMBIENTE

O día 5 de Xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Aquí vos deixamos algúns enlaces a contos relacionados co coidado do Medio Ambiente. Só tes que premer nas imaxes para lelos.



Podedes atopar máis recursos e actividades no noso taboleiro:



sábado, 16 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS 2020. Recursos e publicación de traballos.

O Equipo de biblioteca creu un novo taboleiro de recursos educativos en Pinterest sobre o autor á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas: Ricardo Carvalho Calero. Podedes acceder dende a súa pestana ou premendo na súa fotografía. Atoparedes lecturas en liña dalgúns contos, xogos, propostas de actividades e contidos informativos da súa vida.
Recursos seleccionados polo Equipo de Biblio

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega presentou os traballos feitos por algúns dos alumn@s do noso centro polo Día das Letras Galegas na súa sección no blog de tarefas pola cuarentena.



Pola súa parte, o alumnado de Educación Infantil, envía de forma diaria os seus traballos ás súas mestras. Polas Letras Galegas fixeron debuxos do conto, enviaron vídeos feitos na casa e incluso inventaron finais diferentes do conto As pitas baixo a choiva. Todos os traballos os publicaron no seu blog Aprendemos Sorrindo Infantil.

Reto do luns 11 de maio
Moitas pitas se mollan


Un novo final 

xoves, 7 de maio de 2020

RECURSOS DÍA DE EUROPA

O día 9 de Maio celébrase o Día de Europa. O equipo de biblioteca ofrece estes recursos educativos para compartilos coa comunidade educativa. Esperamos que vos sexan de utilidade.
XOGOS (ZONA DE APRENDIZAXE DE europa.eu
PRECISA ADOBE FLASH PLAYER

Recordade que no noso taboleiro de Pinterest podedes atopar unha selección de recursos máis ampla.



xoves, 30 de abril de 2020

RECURSOS PARA O DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

O 2 de maio é o Día Interncional contra o acoso escolar.
O obxectivo é concienciar dos riscos do acoso escolar e coñecer os métodos para evitar a violencia nos centros escolares.
Dende o equipo de biblioteca fixemos unha selección dos libros e contos que serven como recursos educativos neste tema creando un novo taboleiro en Pinterest adicado a esta data que figura este curso no calendario escolar como contido para traballar nas aulas.

Da moita variedade de contos, imos deixarvos aquí o conto de Orellas de bolboreta, un dos nosos favoritos que temos na nosa biblioteca.

Contacontos Kalandraka TV



venres, 24 de abril de 2020