venres, 30 de outubro de 2020

O ESPÍRITO DO ESPELLO

 Aquí vos deixamos unha historia de medo inventada por unha alumna de 6º B. Estupendo traballo Kayla! Esperamos recibir máis vídeos nos próximos días. Estade atentos ao blog!



O SECRETO DAS CABAZAS

 Alumnado de 5º B de Educación Primaria realizou este documental sobre o secreto das cabazas. Noraboa rapaces e rapazas por este estupendo traballo e por compartilo con toda a comunidade educativa.




xoves, 29 de outubro de 2020

CONTINUAMOS NOS PROGRAMAS DE BIBLIOTECA CREATIVA E RADIO NA BIBLIO

O noso centro solicitou a continuidade nos programas nos que xa levamos varios cursos como son BIBLIOTECA CREATIVA e RADIO NA BIBLIO e nos que fomos novamente seleccionados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.

-Resolución Biblioteca creativa

-Resolución da convocatoria do programa Radio na Biblio

Grazas a estas axudas económicas poderemos ampliar os materiais do espazo maker e continuar a formación en radio escolar para o alumnado.

Recibimos ademais novos fondos bibliográficos ao participar no curso de Biblioteca Creativa, que este ano levouse a cabo de forma telemática os días 26 e 27 de Outubro.




martes, 27 de outubro de 2020

HORA DE BIBLIO EN 5º DE EDUCACIÓN INFANTIL

 


Este ano para facer os préstamos levamos os libros a todas as aulas. Na aula de 5º de Ed. Infantil, a coordinadora de biblioteca en colaboración coa titora deste grupo realiza a sesión da hora de biblioteca.

O alumnado fala dos libros que levaron a casa, escolle outro novo para levar na súa bolsiña e escoitan un conto e participan no mesmo. 

Darlle as grazas as familias por colaborar na lectura destes contos nas súas casas e da devolución dos libros todos os mércores.


luns, 26 de outubro de 2020

CONTACONTOS SAMAÍN 2020

 Debido a situación actual non podemos facer os contacontos de forma presencial, así que os axudantes de biblioteca de 6º de Educación Primaria prepararon estes contos para os máis pequen@s. Esperamos que non pasen moito medooooo...

A figueira de Pelostortos

Corre corre Cabaciña

A bruxa regañadentes

Tedes máis recursos no noso taboleiro de Pinterest.

Ademáis, na pestana SAMAÍN poderás volver a recordar as actividades realizadas en cursos anteriores.


venres, 23 de outubro de 2020

Día das Bibliotecas


Estes últimos anos facíamos a Xornada de Portas Abertas no noso centro para celebrarar o Día das Bibliotecas. Este ano, dadas as circunstancias, decimos que foran os axudantes de biblioteca de 6º de Educación Primaria os que vos abriran as portas da nosa biblio a través de este video. Preme no enlace seguinte:

https://drive.google.com/file/d/1o3Lg_D4Ky2ZfXGxo-ZzuhL5-bUv2Rijw/view?usp=sharing

xoves, 22 de outubro de 2020

Pequenos ou GRANDES PROXECTOS nas aulas

 O alumnado de 6º de Educación Infantil comezou un proxecto sobre os océanos no que colaboran tamén as familias. Podemos ver unha mostra na entrada a súa aula con cunchas, debuxos e moitos moitos libros...

Pola súa parte o equipo de biblioteca fixo entrega á aula dunha caixa con fondos bibliográficos que poderían ser interesantes para a súa investigación.




mércores, 21 de outubro de 2020

AS MOCHILAS VIAXEIRAS COMEZAN DE NOVO A SÚA ANDANZA

 



Repartimos as mochilas viaxeiras nos diferentes grupos de Educación Primaria cada unha co seu diario. Coma sempre esperamos recibir moitas opinións e comentarios do alumnado e da súa familia no diario da mochila. Deixamos aquí unha pequena mostra do moito que nos contades e compartides neses diarios do curso pasado. 

venres, 9 de outubro de 2020

Primeiros recreos na biblio

 


Cunha media de asistencia de 7 alumn@s nos tempos de lecer comezamos esta semana. 

Non poden estar moi xunt@s pero acuden á biblio coa mesma ilusión e alegría de sempre. 

Uns len, outros debuxan e outros crean as súas historietas e llas contan aos outros.


Recorda que no taboleiro de entrada está o calendario coas quendas dos grupos:

                           LUNS       MARTES      MÉRCORES          XOVES            VENRES

1ª e 3ª semana:      1º              2ºA               2ºB                     3º                 4ºA

2ª e 4º semana:      4ºB           5ºA               5ºB                     6ºA              6ºB


O equipo de biblio prepara e selecciona moitos libros para que poidades escoller e soñar.










luns, 5 de outubro de 2020

COMEZAMOS UN NOVO CURSO ALGO DIFERENTE!

 


Benvidos e benvidas ao novo curso escolar 2020-2021!

Despois de moitos preparativos hoxe arrancamos as actividades da biblioteca co alumnado cumprindo coas medidas de prevención necesarias nestes momentos para evitar contaxios da Covid 19. 

O alumnado voluntario de 6º de Educación Primaria comezou no tempo de lecer a preparar as libretas de rexistro para os préstamos de libros que se farán nas aulas polo momento. Nas próximas xornadas colaborarán na elección dos fondos bibliográficos que o equipo de biblioteca repartirá a todos os grupos de Educación Infantil e Primaria en caixas.

Deixamos aquí o enlace ao protocolo de acceso e uso da biblioteca para este curso 2020-2021 que será revisado e actualizado en función da evolución da pandemia e as instrucións recibidas desde as Consellerías de Educación e de Sanidade. 

PROTOCOLO

HORARIO DE BIBLIOTECA PARA AS TITORÍAS