venres, 28 de outubro de 2022

SAMAÍN 2022

Nesta última semana realizáronse unha chea de actividades pola celebración do Samaín baixo a coordinación do Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias e a colaboración da Comunidade Educativa: Alumnado, mestres e familias. 


CABAZAS DE ALUCINE
Como todos os anos as familias participan na decoración das cabazas cos seus fillos e fillas. Este ano pedímoslles que as decoraran coa temática do Proxecto Alucine.

TÚNEL DO MEDO
O Equipo de mestres de Actividades Extraescolares e Complementarias prepararon un túnel do medo polo que pasaron todos os cursos dende 4º de Infantil ata 6º de Primaria. Pasárono de medo!

QUEN SABE DE XULIA? Lectura de 6ºA
O alumnado de 6º A realizou unha lectura na biblioteca en varias quendas na chamada "Hora de ler" para o alumnado de 3º á 6º de Educación Primaria. A historia que contaron vai dunha nena chamada Xulia que desapareceu hai anos no noso cole...Quen sabe de Xulia? 
Xa podedes escoitala na nosa canle de RADIO V.I.

Ensaios da lectura co mestre Alejandro

Hora de ler na biblioteca. Preme na imaxe

CONTACONTOS de 6º B
Ao mesmo tempo, o alumnado de 6º B realizou pequenas lecturas de contos de medo nas clases de 1º e 2º de Educación Primaria e 6º de Educación Infantil. Tamén podemos escoitalos na nosa radio.



CINE DE MEDO
O alumnado de diferentes cursos acudiu á sala de Cine da biblioteca para ver curtametraxes de medo. 

CONTACONTOS POR UN DÍA EN INFANTIL
As familias participaron nesta actividade que xa hai anos que facemos por estas datas nos cursos de Educación Infantil. Pedímoslles que acudan ás aulas dos seus fillos e fillas para lerlles contos de  Samaín. Preme na imaxe para ver máis fotos.


MURAL ENGLISH AND ARTS CLASSES
 Alumnado de 1º, 2º e 3º de Ed. Primaria decora á entrada á clase de Lingua inglesa con manualidades relacionadas co Samaín e a estación do Outono.

SELECCIÓN DE LIBROS
O Equipo de biblioteca coa axuda dos axudantes de 6º fixeron unha ampla selección de libros relacionados co Samaín, Halloween e os medos.

luns, 24 de outubro de 2022

ÉXITO TOTAL NA INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA

No CEIP Valle-Inclán celebramos o Día das bibliotecas o xoves pasado para non coincidir esta celebración coas actuacións de Samaín.

O día 20 de Outubro abrimos as portas do colexio á Comunidade Educativa para facer a inauguración da ampliación da biblioteca que levamos a cabo o curso pasado ao seren seleccionados pola Asesoría de Bibliotecas de Galicia para formar parte dos Centros LIA.3

Ás 17 h comezaron a chegar as primeiras familias e aproveitamos para facer fotocol de todas elas a medida que ían chegando.

Logo o director mais a coordinadora da biblioteca fixeron unha pequena presentación dos novos espazos e do proxecto documental deste curso: ALUCINE.  Animaron ás familias a participar na xincana que organizara o Equipo de biblioteca en colaboración coa totalidade dos mestres.

1. Zona de escenario: Xogo de mímica. 

2. Zona dos contos: Xogo de busca de libros.

3. Zona dos xogos creativos: Construír con Kapla.

4. Zona do Croma: Actuacións en función do fondo elexido.

5. Cine: Visionado da película da transformación da biblioteca.

6. Robótica: Xogos cos escornabots e o Beebot.

7. Zona de investigación: Xogo de busca de información.

8. Estudio de radio: Entrevistas de fillos/as aos familiares.

Cada familia levaba un pasaporte coas 8 zonas polas que podían pasar a facer os diferentes retos. Por cada zona superada se lles poñía unha pegatina no pasaporte.

Finalmente reunímonos de novo na sala dos libros de ficción para facer un sorteo de agallasos entre todas as inscricións recibidas e despedirnos animando ás familias a facer uso dos novos recursos nas tardes dos luns, mércores e xoves de 16h. a 18h. 

A participación activa das familias fixo que fora un día especial e inesquecible. Grazas a todos por vir e implicarvos nas nosas propostas.

Deixamos aquí un video resumo do que foi esta celebración e un enlace á galería de fotos.


Preme na imaxe para ver o vídeo resumo

Preme na imaxe para ver a Galería de fotos


xoves, 20 de outubro de 2022

HISTORIA DA NOSA BIBLIOTECA

 


Película elaborada polas axudantas de biblioteca de 6º de Educación Primaria e a colaboración da mestra de 6º de Educacion Infantil e os seus alumnos e que se estrenou esta tarde na Xornada de Portas Abertas para facer a Inauguración da ampliación da biblioteca.

Edición da película: Director Ramón López.

Preme na imaxe para ver o vídeo.

mércores, 19 de outubro de 2022

PRIMEIRA PELÍCULA SOBRE A HISTORIA DE ESPAÑA

 


O alumnado de 4ºA empregou o Croma da Sala Creativa para facer a súa primeira película sobre a Historia de España, a maneira máis divertida de aprender. Noraboa rapaces e rapazas polo voso esforzo.

Preme na imaxe para acceder ao vídeo. 

luns, 17 de outubro de 2022

17 de Outubro, DÍA DAS ESCRITORAS 2022

Axudantes na procura das nosas escritoras (Preme na imaxe para ver máis fotos)

 O Equipo de Biblioteca coa colaboración dos axudantes de 6º de Educación Primaria elaborou unha guía de lecturas cos fondos bibliográficos dalgunhas das escritoras galegas que podemos atopar na nosa biblioteca. Descubrimos que temos moitas!!!

Visita o libro que crearon para darlle visibilidade as nosas escritoras coa aplicación BookCreator premendo na portada:



venres, 14 de outubro de 2022

MATEMÁTICAS CREATIVAS en 3º Primaria

 


No grupo de 3º de Ed. Primaria xa están a traballar coas regletas na área de matemáticas. Algunhas pezas de madeira foron mercadas pero moitas foron creadas coa nosa impresora 3D nas sesións de Biblioteca Creativa que realizan os voluntarios de 6º de Ed. Primaria nos tempos de lecer baixo as orientacións do profe Ramón.

xoves, 13 de outubro de 2022

ED. INFANTIL NA PANTALLA TÁCTIL

 


Os primeiros en estrear a pantalla táctil da biblioteca instalada na zona de robótica foron os alumnos de 6º de Ed. Infantil, porque as zonas novas da biblio son para todos e todas. Fixeron unha chea de puzzles e xogos educativos baixo a mirada atenta da mestra especialista de Infantil.
Preme na imaxe para ver a Galería de fotos.

luns, 10 de outubro de 2022

4º INVESTIGANDO OS CASTROS COS NOVOS RECURSOS

 


Alumnado de 4º Ed. Primaria acude á sala de investigación para empregar os novos recursos e averiguar  que son os castros, quen habitaban neles e un pouquiño de historia do noso.

venres, 7 de outubro de 2022

MÍMICA EN 5º DE ED. INFANTIL

 


O alumnado de 5º de Ed. Infantil, na súa sesión de biblioteca, realizou un xogo de mímica estreando o escenario da sala de ficción. Coa axuda dun xogo de cartas no que tiñan que facer lectura da imaxe e interpretala con xestos para que os compañeiros e compañeiras adiviñaran o debuxo da carta. Un xogo moi moi divertido!

xoves, 6 de outubro de 2022

3º PRIMARIA NA SESIÓN DE BIBLIOTECA

 


O alumnado de 3º de Ed. Primaria está a aproveitar todos os nosos recursos na hora de biblioteca. A novidade do xogo de Kapla está tendo moito éxito. Mentras uns buscan libros na sala de ficción, outros fan verdadeiras torres coas madeiras kapla tan altas coma eles ou mais na sala creativa. Preme na imaxe para ver a Galería de fotos.

INAUGURACIÓN DA AMPLIACIÓN DA BIBLIOTECA

 


O xoves 20 de Outubro, de 17h. a 19h. celebramos a inauguración dos novos espazos da nosa biblioteca cunha xornada de portas abertas na que todas as familias estades invitadas a participar. 

As actuacións previstas son:

  1. Presentación na sala de ficción.(A biblioteca de sempre).

  2. Xincana nos diferentes espazos da biblioteca. 

  3. Sorteo de agasallos e despedida.


Para preparar a xincana precisamos que fagades unha inscrición previa cubrindo os nomes de todos os membros da familia que ides a asistir na circular informativa que levaron os nenos e nenas para casa.

Data límite para inscribirse: 14 de Outubro

Animádevos a participar!



mércores, 5 de outubro de 2022

INFANTIL NA NOVA ZONA DE ROBÓTICA

 


O alumnado de 6º Educación Infantil acudiu xa á zona de Robótica para xogar coa súa amiga a abella robótica. Programaron o Bee-Bot de marabilla, son uns expertos!

NOVO CALENDARIO PARA O USO DAS ZONAS DA BIBLIOTECA

 Este curso temos espazos novos na biblioteca, por iso, houbo que elaborar un novo calendario para o uso das diferentes zonas.  Cada grupo-aula ten a súa disposición como mínimo dúas sesións á semana reservadas para o uso da biblioteca e ademais calquera mestre (titor ou especialista pode reservar un espazo en concreto avisando á responsable ou anotando no propio calendario que está ubicado na entrada á biblioteca)



martes, 4 de outubro de 2022

SESIÓNS DE FORMACIÓN DE USUARIOS

 


No mes de Setembro fixéronse as primeiras sesións de formación de usuarios: primeiro aos mestres de nova incorporación e de seguido aos axudantes voluntarios de 5º e 6º de Ed. Primaria. Investigamos onde están as novas zonas da biblioteca e como se colocan os libros nos andeis.

luns, 3 de outubro de 2022

PRIMEIRA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

 


O venres pasado comezamos coas actividades do club de lectura de 5º e 6º de Ed. Primaria.
"Cerrado por fantasmas" da Colección Familia a la fuga foi a primeira lectura elexida. Dentro de 15 días teremos a seguinte xuntanza e comentaremos as primeiras impresións sobre este libro.