venres, 22 de decembro de 2023

REMATAMOS O 1º TRIMESTRE

 No derradeiro día do 1º trimestre tivemos unha chea de actividades para celebrar o Nadal. 

A primeira hora visitounos PapáNoel que charlou e recolleu as cartas que os nenos e nenas de Infantil lle entregaron. 

Despois fomos todo o colexio ao ximnasio para ver as actuacións que a mestra de Educación Musical preparou con todos os alumnos/as de Infantil e Primaria. (Publicaremos os vídeos na pestana adicada as actividades de Nadal á volta das vacacións)

Logo aproveitamos para repoñer forzas no tempo de recreo tomando as merendas e finalmente disfrutamos da actuación do Mago Marco grazas á colaboración da ANPA.

Galería de fotos

BO NADAL E FELIZ ANINOVO PARA TOD@S!

VOLTAMOS EN XANEIRO DO 2024 CON MOITAS PUBLICACIÓNS.


mércores, 20 de decembro de 2023

PAPÁNOEL VOLVE FACER DAS "SÚAS" NO VALLE INCLÁN

 Papá Noel volveu un ano máis facer das súas travesuras no noso cole e para poder averiguar que andivo facendo os nenos e nenas participaron nun xogo de orientación con mapas que lles deixou o mesmo Papá Noel xunto cunha carta. 

Logo de ler a carta, buscaron polo patio as pistas seguindo as indicacións do mapa, xuntaron todas as pistas que formaban un código QR, que ao escanealo daba o enlace ao vídeo onde descubrimos as falcatruadas de Papá Noel. 

Podedes ver o material empregado e algúns dos momentos do xogo premendo na imaxe.

Galería de fotos

Vídeo elaborado polo Equipo de TICS

martes, 19 de decembro de 2023

CREACIÓNS AUDIOVISUAIS EN LINGUA INGLESA

 


O alumnado de 3º ciclo de Educación Primaria realizou na clase de Lingua inglesa creacións audiovisuais con diferentes ferramentas dixitais (Canva, ThingLink...) sobre o Impresionismo. Primeiro investigaron sobre a temática, escolleron un cadro, elaboraron a redacción do contido do vídeo e finalmente fixeron a montaxe traballando sempre en equipos. Preme na imaxe para ver os resultados finais.

luns, 18 de decembro de 2023

ACTIVIDADES POLO DÍA DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

 
Os Equipos de Orientación e de Educación Física organizaron actividades na primeira semana de Decembro para conmemorar o Día das Persoas con Discapacidade.

Realizaron diferentes adaptacións dos deportes paralímpicos como o Voleibol Sentado e Goalball,  xogos de lanzamentos de precisión desde posición de sentados e o xogo de "atopar o tesouro" (balón con cascabeis) cos ollos vendados.

Aprenderon tamén o abecedario dactidolóxico xogando a dicir o seu nome ou adiviñando a palabra.

Por último o alumnado de Ed. Infantil aprendeu a escribir o seu nome en Braille xogando coas pezas Lego, mentres os de Primaria xogaron a descifrar unha mensaxe que lles poñían os seus compañeiros/as.

Máis información con guía de lecturas, recursos e actividades na pestana adicada a esta conmemoración: PERSOAS CON DISCAPACIDADE


PREME NA IMAXE PARA VER A GALERÍA DE FOTOS


venres, 15 de decembro de 2023

ACTIVIDADES CREATIVAS POLA IGUALDADE E EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO

No colexio Valle Inclán conmemoramos o 25 N (Día contra a violencia de xénero) con diferentes actividades de creación organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega:


Os nenos e nenas de Ed. Infantil e o 1º Ciclo de Ed. Primaria fixeron un mural no corredor da planta baixa deixando a súa pegada da man xunto con propostas de accións que poden facer con elas. 



As nenas e nenos de 3º de Ed. Primaria leron o conto de "Pepuka e o monstro que levou o seu sorriso" para posteriormente crear chapas con lemas relacionados coa violencia de xénero. 



Finalmente, dende 4º ata 6º de E. Primaria decoraron bolsas de tea plasmando nelas as súas mensaxes como por exemplo: "correr como nenas é de campioas do mundo" ou "a violencia imos parar para a vida mellorar".


Preme AQUÍ para ver máis fotos das actividades realizadas.

    O Equipo de Biblioteca organizou unha actividade interetapas de contacontos para Ed. Infantil e 1º de Ed. Primaria coa axuda de todo o alumnado de 6º de Ed. Primaria que divididos en catro equipos escolleron os contos coa orientación da coordinadora da biblioteca, prepararon as presentacións e ensaiaron a lectura dos textos antes de visitar as aulas dos máis pequenos do cole.

Galería de fotos

    
Para máis información sobre esta conmemoración non deixes de visitar a nosa pestana especial adicada a esta data 25N VIOLENCIA XÉNERO con recursos, guías de lectura, actividades feitas dende o curso 2015-16 á actualidade.

luns, 11 de decembro de 2023

CELEBRACIÓN DÍA DA INFANCIA


 Como é tradición no noso centro, celebramos un ano máis o Día da Infancia (20 de Novembro) colaborando coa ONG Save the Children a través dunha carreira solidaria no patio do colexio. 

A ONG aporta propostas e recursos didácticos para traballar os contidos e os recursos materiais para levar a cabo a carreira. 





Os mestres de E.F. organizan as carreiras e as familias colaboran de forma voluntaria cos donativos para a ONG. Grazas por tanto!!

Xa está publicado o vídeo-resumo no blog do Proxecto Deportivo "Poñémonos en forma". 



O Equipo de Biblioteca ofrece recursos seleccionados e publica outras actividades a nivel de aula na pestana adicada a esta conmemoración: 20 INFANCIA. Non deixes de visitala.

martes, 5 de decembro de 2023

O 14 DE NOVEMBRO CELEBRAMOS O DÍA DA DIABETES

 


A idea de conmemorar o Día da Diabetes nace das propostas que fixo o alumno Xyan de 6º de Educación Primaria cando se presentou a delegado do seu curso. A proposta gustou moito e toda a clase colaborou na celebración.

Despois de ver coñecementos previos, todos investigaron sobre a diabetes en diferentes fontes e compartiron a información atopada nunha posta en común. Como Xyan é un experto no tema, xa que ten diabetes tipo 1 dende hai cinco anos, foi o encargado de preparar a charla que ía dar sobre o tema á súa clase: mostra de aparellos, preguntas e dúbidas.

Logo organizáronse en pequenos equipos. Cada un encargouse dunha tarefa diferente: un grupo fixo os carteis informando da data da celebración para colgar por todo o centro, outro preparou o programa de radio para entrevistar a Xyan e a súa familia, outro preparou o contacontos Os Bolechas saben o que é a diabetes para ler ao alumnado de Ed. Infantil e outro a exposición sobre a diabetes para todo o alumnado de Ed. Primaria que se fixo na biblioteca. 

A familia de Xyan, a súa nai e o seu pai, moi colaboradores, participaron nesta exposición e no programa de radio.

Galería de fotos


mércores, 29 de novembro de 2023

HOMENAXE AO HEMATOCRÍTICO

 Este pasado luns 27 de Novembro falecía un dos escritores máis lidos na nosa biblioteca: Miguel Angel López González, máis coñecido como O Hematocrítico. Por iso durante unha semana faremos lecturas dos seus libros nos tempos de lecer para homenaxealo. 

Hoxe os axudantes de 6º buscaron todos os exemplares que temos del para facer unha exposición na que atoparedes libros para todas as idades: Un can, Unha unicornia, Gaivota Gourmet... para os máis pequenos; Feliz Feroz, O lobo con botas, Vaia cabuxiño... para os primeiros cursos de Primaria e a divertida colección de Max Burbuja, as historietas de Lendas do recreo, pequenas novelas como Dona Problemas...que recomendamos a partir dos 9 anos.



venres, 24 de novembro de 2023

TEMPOS DE LECER BAIXO AS LENTES DO MICROSCOPIO

O alumnado axudante de biblioteca de 5º de Ed. Primaria está levando a cabo un xogo-reto cos usuarios da biblioteca de todos os cursos nos recreos durante este mes de Novembro, mes da Ciencia en galego.

Coa axuda da guía elaborada polo Equipo de Biblioteca o alumnado ten que adiviñar que é o que están vendo a través das lentes dos nosos microscopios, que como sabedes son algúns dos recursos máis antigos que perduran no noso centro dende os seus comezos polo ano 1973 e que funcionan perfectamente.

Preme na imaxe para ver a galería de fotos

luns, 13 de novembro de 2023

CELEBRACIÓN DO MAGOSTO

 


O xoves día 9 de Novembro celebramos o Magosto no colexio. As familias coma sempre enviaron unha chea de castañas que asamos e degustamos todos xuntos no tempo de lecer. Logo nos preparamos para facer os tradicionais xogos populares. Este ano como novidade foron os alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria os encargados de explicar e dirixir os xogos ao resto dos cursos.  Preme na imaxe para ver a Galería de fotos.

mércores, 8 de novembro de 2023

XORNADA DE PORTAS ABERTAS NO BLOG DO PROXECTO

 


Xa tedes no blog do PDI 50 ANOS DE HISTORIA todas as fotos que fixemos onte na Xornada de Portas Abertas e o vídeo que proxectamos na sala de cine. Tamén un enlace ao documento con todas as probas que vos propuxemos. Sabemos que algunhas familias non tiveron tempo de pasar pola Radio Escolar, así que para o segundo trimestre convocaremos unha nova actividade exclusivamente de radio na que poderedes novamente participar. 
Moitas gracias a todos polo voso interese e por pasar unha tarde estupenda en familia.

luns, 6 de novembro de 2023

O ESCORNABOT APRENDE VOCABULARIO DO MAGOSTO

 


O Equipo de Biblioteca elaborou un novo taboleiro e tarxetas para xogar cos escornabots e aprender vocabulario relacionado coa celebración do Magosto. Estará a disposición de todos no moble dos escornabots.
Os primeiros en estrear este xogo foron os nenos e nenas de 5º de Educación Infantil na súa sesión semanal de "biblioxogos".
 Preme na imaxe para ver máis fotos.

Saber +
Non esquezas visitar a pestana do MAGOSTO, nela podes atopar recursos e ver todas as actividades realizadas nesta celebración nos últimos anos.

sábado, 4 de novembro de 2023

APÚNTATE Á XORNADA DE PORTAS ABERTAS DA BIBLIOTECA


O Equipo de Biblioteca organiza todos os anos unha Xornada de portas abertas para presentar o Proxecto Documental Integrado (PDI 50 Anos de historia) coincidindo na Semana da celebración do Día das Bibliotecas. 

Este ano estaba prevista que fora o mesmo día 24 de Outubro, pero debido á convocatoria de folga que houbo, o Claustro decidiu aplazar esta xornada para o próximo martes día 7 de Novembro ás 16:30 h.

Todas as familias estades invitadas a participar. As actuacións previstas son:

1. Presentación do PDI e explicación das probas da xincana.

2. Xincana nos diferentes espazos da biblioteca relacionados co PDI.

3. Despedida e agradecementos.

Precisamos que fagades a inscrición previa a través da circular informativa que levaron os nenos e nenas para casa. 


venres, 3 de novembro de 2023

FORMACIÓN DE USUARIOS 3º PRIMARIA


Seguimos coas sesións de formación de usuarios. Onte foi a quenda do grupo de 3º de Educación Primaria. Aprenderon o que é a CDU, a buscar libros nos andeis e a colocalos no seu sitio a través dun xogo de busca. Preme na imaxe para ver máis fotos.

xoves, 2 de novembro de 2023

ACTIVIDADES POLO SAMAÍN

O Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias organizou varias das actividades que se fixeron para celebrar o Samaín. Preme nas imaxes para ver máis fotos.



EXPOSICIÓN DE CABAZAS "50 ANOS DE HISTORIA" 
ELABORADAS POLAS FAMILIAS


TÚNEL DO MEDO E FOTOS DE GRUPOS DISFRAZADOS


Publicaremos outras actividades que se fixeron a nivel de aula e na biblioteca a medida que teñamos o material listo para editar na pestana específica desta celebración: SAMAÍN

luns, 30 de outubro de 2023

venres, 27 de outubro de 2023

FORMACIÓN DE USUARIOS EN EDUCACIÓN INFANTIL

 


Para rematar esta semana do Día das bibliotecas, aproveitamos a visita semanal de Educación Infantil para contarlles o conto "La biblioteca nocturna" na que hai tamén diferentes salas como na nosa: rincón dos Contacontos, sala de lectura, sala de actividades e moitos, moitos libros.

xoves, 26 de outubro de 2023

PRIMARIA VAI AO AUDITORIO

 


Seguimos celebrando a semana do Día das bibliotecas cunha visita ao auditorio de O Grove con todo o alumnado de Educación Primaria. 
A Biblioteca Municipal invitounos á proxección da película de animación "Valentina", dirixida por Chelo Loureiro e premiada nos Goya 2022


Temos que dar as grazas ao Concello que facilitou o traslado do colexio ao auditorio en buses nun día de moita chuvia.

mércores, 25 de outubro de 2023

XOGO DE BUSCA POLO PATIO


Continuamos celebrando a semana do Día das bibliotecas cun xogo de busca no patio do colexio. Aproveitando unha pequena raiola de sol saímos na procura de libros que estaban agochados polo patio, seguindo as indicacións dun mapa o alumnado de 2º Primaria puido atopar unha chea de libros, resolver as preguntas da ficha proposta e resolver finalmente a palabra secreta: SAMAÍN.

 

luns, 23 de outubro de 2023

CONTACONTOS EN EDUCACIÓN INFANTIL POLO DÍA DAS BIBLIOTECAS

 


Comezamos a semana do Día das bibliotecas cunha visita especial para o alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil: as "Contacontos" da Biblioteca Municipal de O Grove, Almudena Vidal e Lorena Prieto. Primeiro contaron a historia "A disputa das cores", un conto clásico para entender valores importantes como a cooperación e despois pasamos á sala creativa para facer unha nova dinámica: o alumnado fixo o a seu propio arco da vella. 
Preme na imaxe para ver a Galería de fotos.

venres, 20 de outubro de 2023

RECITANDO A ANTONIO MACHADO

 


Recital de poesía de Antonio Machado. 
Na clase de 6º de Educación Primaria están a facer un xogo moi interesante ao que lle puxeron o nome de "Cultureando". A mestra coloca unha imaxe na porta de entrada e aquel ou aquela que saiba o nome da persoaxe ou do cadro da imaxe o escribe nun papeliño co seu nome. A medida que acerten a resposta correcta levan unha puntuación. 
Unha das imaxes foi a do poeta Antonio Machado. Logo de investigar sobre a súa obra literaria prepararon un recital para facer nunha das súas sesións semanais de biblioteca.


Algunhas das imaxes do xogo "Cultureando"

xoves, 19 de outubro de 2023

INVESTIGANDO O MUNDO ANIMAL

 


O alumnado de 2º de Educación Primaria segue aproveitando moi ben os recursos da biblioteca para investigar sobre diferentes temáticas. Todos os luns visitan a sala dos contos para facer os préstamos e a sala de investigación onde dispoñen de unha gran variedade de libros informativos. Este último luns buscaron unha chea de libros sobre animais e cubriron as fichas de investigación.

luns, 16 de outubro de 2023

FORMACIÓN EN CIBERSEGURIDADE

 


Hoxe visitounos "Polo correo do vento" para realizar unha sesión de narración oral con ilustración e música en directo sobre a seguridade no uso da rede dirixida aos rapaces e rapazas de 4º e 5º de Educación Primaria. Deixaron como agasallo unha ilustración con toda a información que podedes ver nunha das entradas ao cole e tamén o enlace ao conto que fala deste tema: Ciberseguridade con Sofía.

luns, 9 de outubro de 2023

FORMACIÓN DE USUARIOS CON 1º PRIMARIA

 


A semana pasada o alumnado de 1º de Educación Primaria recibiu a súa primeira sesión de formación de usuarios. Aprenderon onde están os libros que poden levar emprestados para casa e as normas de uso dos recursos que teñen a súa disposición. Despois de gardar os contos nas mochilas de préstamo, xogaron na sala creativa durante o resto do tempo. 
Que ben o pasaron! Están xa pensando na próxima visita á nosa biblioteca e algúns aproveitaron ese mesmo día para volver no tempo de lecer.

xoves, 5 de outubro de 2023

5º INFANTIL NA SÚA HORA DE BIBLIOTECA

 


O alumnado de 5º de Educación Infantil xa acudiu á sala creativa para facer xogos de construción e xogos simbólicos. En pequenos grupos foron rotando polas diferentes mesas. Seguindo as instruccións de formación previa empregaron os recursos con moito coidado e deixaron todo recollido ao finalizar a sesión. Noraboa a tod@s! 


mércores, 4 de outubro de 2023

TEMPOS DE LECER NA BIBLIOTECA

 Este curso escolar temos novas quendas para os tempos de recreo. Os martes e mércores poden acudir nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria; os luns e venres son os días reservados para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria; e os xoves son os días no que se reunen os membros voluntarios do Club de lectura e o Club de Biblioteca Creativa que realizan a súa programación de actividades cada 15 días. 

Coma sempre o recreo é o momento de ocio máis importante da mañá e temos moitos usuarios que veñen para xogar con Lego, Kapla, xogos de mesa, xogos de lóxica e por suposto ós videoxogos. Pero tamén temos aficionados ás marionetas e ós contos. 

Preme na imaxe para ver algunhas das actividades nos tempos de lecer.



luns, 2 de outubro de 2023

INVESTIGANDO O MISTERIOSO UNIVERSO

 O alumnado de 1º e 2º anda tolo na procura de información sobre o Universo. De forma autónoma nenos e nenas van cambiando polas diversas actividades: realidade aumentada, construccións do sistema solar, consulta de libros seleccionados previamente polos mestres da nosa biblio, planetas en plastilina, debuxos... 

Van descubrindo a traslación de cada planeta, as características deles, as fases da lúa, as constelacións, entre outras moitas cousas.



xoves, 28 de setembro de 2023

mércores, 27 de setembro de 2023

ACTIVIDADES DOS AXUDANTES DE BIBLIO

 


O alumnado axudante voluntario de biblioteca de 5º e 6º de Educación Primaria non parou de traballar dende o primeiro día. Primeiro recibiron unha sesión de formación coa coordinadora da biblioteca e despois en pequenos grupos de tres ou catro están a facer xa as primeiras tarefas como axudantes nos tempos de lecer: atendendo e axudando aos máis pequenos, preparando caixas de libros para as bibliotecas de aula...

luns, 25 de setembro de 2023

ACTIVIDADES NO HORTO

Retomamos de novo as actividades no horto escolar baixo a coordinación do Equipo de Actividades Extraescolares e Complementaria. Deixamos o enlace ao Album de fotos premendo na imaxe, onde podedes ver colleita de tomates que creceron durante o verán, sementando nabos, coliflor e repolo, recollendo pipas dos xirasois, trasplantando brocoli e coliflor... 



venres, 22 de setembro de 2023

XOGO DE BUSCA NA BIBLIOTECA- FORMACIÓN DE USUARIOS 2º

Os mestres de 2ºA e 2ºB prepararon a primeira visita á biblioteca cunha sesión de formación de usuarios no que tiñan que buscar libros pola biblioteca que cumpliran as premisas solicitadas na Ficha ATOPA LIBROS e así familiarizarse coa localización dos mesmos. En pequenos grupos foron encontrando todos os exemplares que se pedían nela. Noraboa rapaciños e rapaciñas de 2º, fixéchelo xenial!

Preme na imaxe para ver a galería de fotos.

Galería de fotos

xoves, 21 de setembro de 2023

O club LECTOCREA DE ARDIA comeza de novo!

 


O novo club de lectura deste curso escolar está formado por un total de 23 nenos e nenas de 5º e 6º de Ed. Primaria. Hoxe tiveron a súa primeira xuntanza e levaron o libro titulado: El pequeño vampiro escrito por Angela Sommer-Bodenburg no ano 1979. De seguro que algún pai ou nai do cole recorda esta historia da que se fixo posteriormente a película. Podedes seguir todas as actividades do Club na pestana adicada ao Club LECTOCREA DE ARDIA.

mércores, 20 de setembro de 2023

VOLTAMOS A 1973!

 


Comezamos este curso 2023-2024 celebrando os 50 anos do noso centro. A temática do Proxecto Documental Integrado deste ano será precisamente os 50 anos de historia do Ceip Valle Inclán de O Grove. Para iso pedimos a colaboración das familias para que xa o primeiro día lectivo acudiran ao cole vestidos coas prendas típicas dos anos 70 e ademáis conseguimos que trouxeran ao noso aparcadorio vehículos clásicos da época. Na entrada, moitas familias ofrecéronse para facer foto de recordo. Premendo na imaxe podedes ver todas as fotos.

Agradecer coma sempre as familias a súa colaboración.

Deixamos aquí o enlace ao blog do Proxecto onde publicaremos todas as actividades do mesmo.


xoves, 6 de xullo de 2023

DIARIOS DAS MOCHILAS VIAXEIRAS

 


Despedimos o curso 22-23 compartindo con vós algúns dos comentarios e suxerencias que escribíchedes as familias nos diarios das mochilas viaxeiras. Sen dúbida estamos moi contentos das vosas aportacións e tomaremos nota das opinións de todos e todas para mellorar os fondos bibliográficos que seleccionaremos para o vindeiro curso. Premendo na imaxe poderás ver algunhas das páxinas dos vosos diarios.

Disfrutar do verán e ler moito!


luns, 3 de xullo de 2023

RELATOS CURTOS PREMIADOS

 


O alumnado premiado no Certame de relatos curtos organizados pola FANPA acudiu ao auditorio do Pazo de Pontevedra para recoller o seu diploma e o libro onde están publicados todos os relatos premiados. Noraboa a todos e todas!
Preme na imaxe para ler os relatos. Para o vindeiro curso poderedes levar o libro en préstamo para casa.


luns, 26 de xuño de 2023

PUBLICACIÓN TAREFAS FINAIS DE ALUCINE

 


Nos últimos días lectivos, o alumnado puido disfrutar do visionado dalgunhas das tarefas finais do PDI ALUCINE na nosa sala de Cine. Na casa tamén podedes velas no blog do Proxecto.