mércores, 29 de novembro de 2023

HOMENAXE AO HEMATOCRÍTICO

 Este pasado luns 27 de Novembro falecía un dos escritores máis lidos na nosa biblioteca: Miguel Angel López González, máis coñecido como O Hematocrítico. Por iso durante unha semana faremos lecturas dos seus libros nos tempos de lecer para homenaxealo. 

Hoxe os axudantes de 6º buscaron todos os exemplares que temos del para facer unha exposición na que atoparedes libros para todas as idades: Un can, Unha unicornia, Gaivota Gourmet... para os máis pequenos; Feliz Feroz, O lobo con botas, Vaia cabuxiño... para os primeiros cursos de Primaria e a divertida colección de Max Burbuja, as historietas de Lendas do recreo, pequenas novelas como Dona Problemas...que recomendamos a partir dos 9 anos.



venres, 24 de novembro de 2023

TEMPOS DE LECER BAIXO AS LENTES DO MICROSCOPIO

O alumnado axudante de biblioteca de 5º de Ed. Primaria está levando a cabo un xogo-reto cos usuarios da biblioteca de todos os cursos nos recreos durante este mes de Novembro, mes da Ciencia en galego.

Coa axuda da guía elaborada polo Equipo de Biblioteca o alumnado ten que adiviñar que é o que están vendo a través das lentes dos nosos microscopios, que como sabedes son algúns dos recursos máis antigos que perduran no noso centro dende os seus comezos polo ano 1973 e que funcionan perfectamente.

Preme na imaxe para ver a galería de fotos

luns, 13 de novembro de 2023

CELEBRACIÓN DO MAGOSTO

 


O xoves día 9 de Novembro celebramos o Magosto no colexio. As familias coma sempre enviaron unha chea de castañas que asamos e degustamos todos xuntos no tempo de lecer. Logo nos preparamos para facer os tradicionais xogos populares. Este ano como novidade foron os alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria os encargados de explicar e dirixir os xogos ao resto dos cursos.  Preme na imaxe para ver a Galería de fotos.

mércores, 8 de novembro de 2023

XORNADA DE PORTAS ABERTAS NO BLOG DO PROXECTO

 


Xa tedes no blog do PDI 50 ANOS DE HISTORIA todas as fotos que fixemos onte na Xornada de Portas Abertas e o vídeo que proxectamos na sala de cine. Tamén un enlace ao documento con todas as probas que vos propuxemos. Sabemos que algunhas familias non tiveron tempo de pasar pola Radio Escolar, así que para o segundo trimestre convocaremos unha nova actividade exclusivamente de radio na que poderedes novamente participar. 
Moitas gracias a todos polo voso interese e por pasar unha tarde estupenda en familia.

luns, 6 de novembro de 2023

O ESCORNABOT APRENDE VOCABULARIO DO MAGOSTO

 


O Equipo de Biblioteca elaborou un novo taboleiro e tarxetas para xogar cos escornabots e aprender vocabulario relacionado coa celebración do Magosto. Estará a disposición de todos no moble dos escornabots.
Os primeiros en estrear este xogo foron os nenos e nenas de 5º de Educación Infantil na súa sesión semanal de "biblioxogos".
 Preme na imaxe para ver máis fotos.

Saber +
Non esquezas visitar a pestana do MAGOSTO, nela podes atopar recursos e ver todas as actividades realizadas nesta celebración nos últimos anos.

sábado, 4 de novembro de 2023

APÚNTATE Á XORNADA DE PORTAS ABERTAS DA BIBLIOTECA


O Equipo de Biblioteca organiza todos os anos unha Xornada de portas abertas para presentar o Proxecto Documental Integrado (PDI 50 Anos de historia) coincidindo na Semana da celebración do Día das Bibliotecas. 

Este ano estaba prevista que fora o mesmo día 24 de Outubro, pero debido á convocatoria de folga que houbo, o Claustro decidiu aplazar esta xornada para o próximo martes día 7 de Novembro ás 16:30 h.

Todas as familias estades invitadas a participar. As actuacións previstas son:

1. Presentación do PDI e explicación das probas da xincana.

2. Xincana nos diferentes espazos da biblioteca relacionados co PDI.

3. Despedida e agradecementos.

Precisamos que fagades a inscrición previa a través da circular informativa que levaron os nenos e nenas para casa. 


venres, 3 de novembro de 2023

FORMACIÓN DE USUARIOS 3º PRIMARIA


Seguimos coas sesións de formación de usuarios. Onte foi a quenda do grupo de 3º de Educación Primaria. Aprenderon o que é a CDU, a buscar libros nos andeis e a colocalos no seu sitio a través dun xogo de busca. Preme na imaxe para ver máis fotos.

xoves, 2 de novembro de 2023

ACTIVIDADES POLO SAMAÍN

O Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias organizou varias das actividades que se fixeron para celebrar o Samaín. Preme nas imaxes para ver máis fotos.



EXPOSICIÓN DE CABAZAS "50 ANOS DE HISTORIA" 
ELABORADAS POLAS FAMILIAS


TÚNEL DO MEDO E FOTOS DE GRUPOS DISFRAZADOS


Publicaremos outras actividades que se fixeron a nivel de aula e na biblioteca a medida que teñamos o material listo para editar na pestana específica desta celebración: SAMAÍN