xoves, 30 de marzo de 2023

EXPOÑEMOS EN SANTIAGO!

 


O venres 31 de Marzo expoñemos para @s coordinadores doutras bibliotecas de Galicia no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. A presentación mostrará a evolución metodolóxica e a transformación física da nosa biblioteca nos últimos anos, porque xa somos un Centro LIA (Lectura, Información e Aprendizaxe). 
Preme na imaxe para ver o programa do evento.

martes, 28 de marzo de 2023

FORMACIÓN DE RADIO EN 5º - PRIMARIA

 



Para rematar o 2º trimestre, o alumnado de 5º recibiu o curso de Formación do Programa Radio na Biblio, con Damián Alonso, de Ponte nas Ondas. Foi unha mañá moi produtiva onde aprenderon a manexar o Audacity para gravar e editar os audios, aprenderon a facer un podcasts e fixeron un programa entre os 24 alumnos e alumnas con temáticas moi variadas.

luns, 27 de marzo de 2023

SAÍDA Á PRAZA DE ABASTOS

 O pasado 15 de Marzo, Día dos dereitos do Consumidor, o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria participou nunha actividade na Praza de Abastos de O Grove na que aprenderon a ser uns consumidores responsables, coñeceron moitos produtos ecolóxicos e locais e os nomes de verduras, hortalizas, peixes, carnes...

Galería de fotos


mércores, 22 de marzo de 2023

DÍA DA POESÍA

Galería de fotos

Para celebrar o Día da Poesía, o alumnado do Club de lectura realizou un recital de poesía creativa adicado ás mulleres. Acudiu todo o cole á biblioteca en dúas quendas: o día 21 os nenos e nenas de Educación Infantil, 1º , 2º e 3º de Educación Primaria; hoxe, día 22 todo o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
Unha vez rematada a actuación, realizouse o sorteo de agasallos do Xogo-Concurso que fixemos polo Día da Muller sobre Mulleres de Cine. Preme na imaxe para ver o proceso completo: Obradoiro de Poesía Creativa do Club LectoCrea de Ardia, ensaios previos no escenario, actuación do recital poético e as fotos dos premiados.

 

xoves, 16 de marzo de 2023

CONTACONTOS POLO DÍA DOS DEREITOS DO CONSUMIDOR

O día 15 de Marzo celébrase o Día dos Dereitos do consumidor. O Equipo de biblioteca organizou un contacontos para concienciar aos nenos e nenas da necesidade de ser uns consumidores responsables. 

O alumnado de 1º de Educación Primaria escoitou da voz dalgúns alumnos e alumnas de 3º o conto titulado Lo compro! de Canizales da Editorial Jaguar. Primeiro fixeron varios ensaios na biblioteca coa coordinadora e logo un grupo acudiu á aula e outro realizou o Contacontos na sala de ficción.

Galería de fotos

mércores, 15 de marzo de 2023

ACTIVIDADES POLO DÍA DA MULLER

O Equipo de Biblioteca organizou varias actividades polo Día da muller, moitas delas relacionadas co Proxecto do curso "Alucine". Preme nos enlaces para saber en que consistiron.

 


XOGO CONCURSO "MULLERES DE CINE" (Infantil e Primaria)






martes, 14 de marzo de 2023

XINCANA POLO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 


O Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizou unha xincana con diferentes probas para o alumnado dende 4º Educación Infantil ata 6º de Ed. Primaria. Cada ciclo tiña diferentes retos que superar para lograr acadar o puzzle de Rosalía e rematar a Xincana os primeiros. Durante case unha semana o Equipo foi levando a todos os cursos ao patio onde se atopaban os retos dentro duns aros. Preme na imaxe para ver algunhas das fotos e vídeos desta celebración.

No seguinte enlace podedes ver o documento coas probas que fixeron ordeadas primeiro as dos máis pequenos e terminando coas dos maiores.

xoves, 9 de marzo de 2023

ACTIVIDADES NO HORTO

 


O Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias é o responsable da organización e funcionamento do horto escolar. Ademáis de coordinar e supervisar as quendas do mantemento do composteiro, aquí deixamos un pequeno resumo das actividades de limpeza do horto e as primeiras plantacións dalgúns dos cursos. Preme na imaxe para acceder ao dossier das actividades.

mércores, 8 de marzo de 2023

HORA DE LER EN 1º PRIMARIA

 


En cada aula, despois do tempo de lecer, temos a chamada "hora de ler" que aínda que só son 20 minutos, os nenos e nenas fan diversas actividades. Aquí temos a unha alumna de 1ºA contando o conto que levara esa semana emprestado para a casa.

martes, 7 de marzo de 2023

IMPLICACIÓN DAS FAMILIAS EN 4ºA

 

O alumnado de 4ºA de Educación Primaria preparou temas sobre os seres vivos coas súas familias e acudiron ao colexio para expoñer cos seus fillos os traballos. Os nenos e nenas aproveitaron tamén estas sesións para explicarlles ás familias a metodoloxía coa que traballan de forma diaria na aula.
Grazas coma sempre pola vosa colaboración.





luns, 6 de marzo de 2023

BUSCA DE INFORMACIÓN SOBRE MULLERES EN 3º e 4º



Na programación de formación na selección, uso e tratamento da información, o alumnado de 3º e 4º de Ed. Primaria nas sesións semanais de biblioteca estivo buscando información sobre diferentes mulleres que foron importantes polas súas vidas profesionais. Se lles entregou unha ficha orientativa para cubrir os datos que tiñan que buscar por equipos. Mentres os de 3º centráronse nas mulleres científicas, os de 4º optaron polas mulleres do mundo do cine integrando esta actividade no PDI Alucine.
3º investigando mulleres científicas

4º investigando mulleres do cine