venres, 22 de outubro de 2021

DÍA DAS BIBLIOTECAS

 Para celebrar o Día das bibliotecas que será este domingo 24 de Outubro, dúas das novas axudantas de biblioteca de 6º de Primaria prepararon este vídeo para presentar os nosos espazos e servizos á Comunidade Educativa. 



Tamén aproveitamos para facerlles unha primeira proposta e participar no novo Proxecto Documental Integrado deste curso 2020-2021: Animalardia. 

Esta proposta consiste en que as familias nos enviedes fotos coas mascotas ou animais domésticos que teñades nas vosas casas: cans, gatos, tartarugas... e tamén galiñas, cabalos, porcos... todos valen. Precisamos que nese correo escribades o nome do animal, o nome do alumno ou alumna e os principais coidados que hai que ter con eles.

Correo electrónico para enviar as fotos: biblio@vinclan.com


Se premes na guía atoparás algúns dos libros que o Equipo de Biblio seleccionou dos fondos que temos na nosa biblioteca. 

xoves, 21 de outubro de 2021

VOTACIÓN PARA ELEXIR A NOVA MASCOTA DA BIBLIOTECA

 Recibimos moitísimos debuxos de mascotas, pero só podemos escoller unha. 




No seguinte enlace podedes votar de entre os 10 seleccionados polo Equipo de Biblioteca como candidatos a ocupar o posto de MASCOTA. Preme na imaxe para votar.



mércores, 20 de outubro de 2021

Na procura das escritoras galegas

 O luns 18 de Outubro foi o Día das escritoras. Na nosa biblioteca temos unha chea de libros de escritoras, por iso propuxemos ao alumnado que nos visita no tempo de lecer buscar entre os andeis contos de autoras galegas. Atoparon por suposto a Rosalía de Castro, Ledicia Costas, Eva Mejuto, Fina Casalderrey, Paula Carballeira entre moitas outras. O resultado foi este expositor que o deixaremos durante 15 días a disposición de todo o profesorado e alumnado que queira facer lecturas nos tempos de ler.

Preme na imaxe para ver mellor os libros

Fixemos tamén lectura co alumnado de 2º de Primaria dun dos contos do expositor, escollido por eles. Trátase do conto titulado "Unha carreira de sacos" de Silvia Pazos Hermida, unha divertida historia dos animais do bosque que participan nunha carreira de sacos onde todos fan trampa...