venres, 25 de outubro de 2024

CONTACONTOS da Biblioteca Municipal


O alumnado de Educación Infantil recibiu as responsables da Biblioteca Municipal con motivo da celebración do Día das bibliotecas na nosa sala dos contos. Alí escoitaron e viron unha adaptación feita por elas do conto "Un día de perros en el Circo de las pulgas" de Mario Catelli. Descubriron como unhas pulgas diminutas poden ser unhas grandes estrelas de circo. 

 

xoves, 24 de outubro de 2024

Xornada de Portas Abertas para celebrar o Día das Bibliotecas

 

Galería de fotos e vídeos


Como levamos facendo nos últimos cursos, celebramos o Día das bibliotecas organizando a Xornada de Portas Abertas para presentar ás familias o novo Proxecto Documental Integrado que este ano leva por título: Somos artistas.

Acudiron 60 familias cun total de 171 participantes que realizaron unha chea de retos pasando por todas as zonas da nosa biblioteca:

1. ESCENARIO: Somos poetas. A partir de dúas palabras dadas hai que inventar un poema, escribilo e recitalo enriba do escenario.

2. ZONA SOFÁS: Somos mimos. Xogo dos xestos. Cada familia escollerá unha carta do xogo e mentras un representa a palabra da carta o resto da familia terá que adiviñala.

3. SALA DE XOGOS: Somos arquitectos. Cada familia terá que facer unha construción coas pezas do xogo Kapla segundo a carta que lles toque.

4. CROMA. Somos actores. Gravación de representacións seguindo as instrucións das cartas do xogo "Lo tuyo es puro teatro".

5. SALA INFORMATIVOS. Somos debuxantes. Deseñamos o logo do proxecto.

6. ZONA ROBÓTICA. Somos construtores. Construír un obxecto coas pezas Lego a partir dunha carta que lles toque: casa, ponte, xarrrón, avión, coche, animal...

7. CINE. Somos espectadores. Visionado da curtametraxe "Na pel do resto" feita polo alumnado hai dous cursos escolares no PDI Alucine.

8. ZONA DE IMPRESIÓN 3D. Somos escultores. Terán que intentar adiviñar o obxecto que hai oculto nunha bolsa co tacto, logo con plastilina terán que facer o mesmo obxecto.

9. ESTUDIO DE RADIO. Somos cantantes. Karaoke.

Grazas a todos e todas pola vosa implicación. 
Seguide atentos ás novas do blog porque nos próximos días informaremos do Logo escollido de entre todos os deseños que se fixeron no reto número 5 para o novo PDI.


xoves, 17 de outubro de 2024

INSCRICIÓNS PARA A XORNADA DE PORTAS ABERTAS

 O martes 22 de outubro de 16:30 a 18:30 h. celebraremos a nosa tradicional Xornada de Portas Abertas coincidindo coa semana do Día das bibliotecas escolares. Presentaremos o novo Proxecto Documental Integrado deste curso 2024-2025 : Somos Artistas.

Todas as familias estades invitadas a participar. Precisamos que fagades a inscrición previa para poder organizar o evento con tempo así que enviamos esta semana a través dos nenos e as nenas unha circular coa ficha de inscrición.

Tedes ata o venres día 18 de outubro para entregala aos titores/as dos vosos fillos, unha por familia.

Animádevos a participar, será unha xornada moi moi divertida. 



sábado, 12 de outubro de 2024

PRIMEIRAS SESIÓNS DE FORMACIÓN DE USUARIOS

 


Comezamos as sesións de formación de usuarios nos grupos de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e a realización dos primeiros préstamos. Tras mostrarlles onde se ubican os libros e cales son os recomendados para a súa idade, procedimos a realizar os préstamos.
Recordar que é importante traer o libro de volta para poder levar un novo. (Martes: alumnado de 1º e 2º; Mércores: alumnado de 3º).


O Club LectoCrea de Ardia comeza de novo

 


Na primeira semana de clases abrimos inscricións para entrar no Club de lectura do noso cole, oferta para alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. Reunímonos todos os venres no recreo cada 15 días na biblioteca, na sala dos contos. Aínda estás a tempo de apuntarte. Preme no logo LectoCrea de Ardia na columna da dereita adicada ao Club de lectura para ver toda a programación das actividades que imos facer.

Primeira sesión do Programa de Biblioteca Creativa


O alumnado de 6º de Educación Primaria comeza a desfrutar da actividade que o Equipo de Biblioteca lles ofrece nos tempos de lecer dos venres cada 15 días. Trátase dunha actividade dentro do Programa de Biblioteca Creativa na que o alumnado interesado aprenderá Deseño e Impresión 3D, creación de chapas, uso do Croma e a radio escolar... Na primeira sesión que tivo lugar xa no mes de Setembro comezaron co Deseño 3D.

 

martes, 1 de outubro de 2024

XA TEMOS EQUIPO DE AXUDANTES DE BIBLIOTECA


Este curso temos voluntarios para axudar na biblioteca de 5º e 6º de Educación Primaria. Elas serán as encargadas de axudar nas tarefas de organización e dinamización das actividades da biblioteca nos tempos de lecer. Na primeira semana de clases, recibiron a súa sesión de formación e agora xa están a poñer en práctica os seus coñecementos nos tempos de lecer en diferentes quendas.

 

COMEZAMOS CURSO 2024-25


Comezamos as actividades na biblioteca con moita enerxía. Aquí van as primeiras imaxes dos tempos de lecer: ler e pedalear, xogos de mesa, xogos de construcción, videoxogos, lecturas, busca de información...